Recebemos de "QueVoltem", esta nota de prensa das familiares e amizades de María reclamando que cumpra a súa condena nunha prisión galega, dado que: Se o recurso presentado ante o Tribunal Supremo faia contra María, case con toda seguridade será internada nunha prisión a centos de kilometros do seu fogar e da sáu familia o que afondará no seu desarraigo e separación da súa realidade cultural e socio-afectiva. Na Galiza existen cinco centros penitenciarios polo que non entenderíamos que María fose dispersada a unha prisión a centos de kilómetros. Calquera decisión nese sentido será un acto cruel, de vinganza e castigo adicional contra María e a súa familia, contrario aos dereitos humanos.
En setembro de 2013 a audiencia nacional condenou a María Osorio Lópes a dez anos de prisión. No seu momento, os avogados de María interpuxeron un recurso ante o Tribunal Supremo que debe ser resolto nas próximas semanas. No suposto de que o Tribunal Supremo non teña en conta este recurso, María Osorio deberá ingresar en prisión de maneira inmediata.
A dispersión é ilegal
Neste sentido, cómpre lembrar que a propia Constitución española establece no Artigo 25.2. que “as penas privativas de liberdade e as medidas de seguridade estarán orientadas á reeducación e reinserción social”. Por outra parte, a Lei orgánica xeral penitenciaria estabelece no seu artigo 12 que “a situación dos establecementos penitenciarios será fixada pola administración penitenciaria dentro das áreas territoriais que sexan designadas. En todo caso, procurarase que cada unha conte cun número suficiente de aqueles para ficaren satisfeitas as necesidades penitenciarías e evitar o desarraigamento social das persoas condenadas”.
Por tanto, estamos ante unha cuestión que afecta ao dereito básico da reinserción social que recoñecen como fundamental a Constitución e os textos internacionais en materia de dereitos humanos, civís e políticos asumidos polo Estado español. Abonda lembrar que, segundo se desprende do artigo 25 da Constitución, en liña coa interpretación da xurisprudencia en materia de dereitos humanos, ás persoas condenadas recoñécenselle, entre outros, os dereitos á propia reeducación, reinserción social, ao acceso cultural e ao desenvolvemento integral da súa propia personalidade.
Tamén é oportuno remarcar que a ONU, mediante Resolución 663 do Consello Económico e Social sostivo que o sistema penitenciario non debe agravar os sufrimentos inherentes a unha situación de reclusión, indicando (regra 79) que “se velará particularmente polo mantemento e a mellora das relacións entre a persoa reclusa e a súa familia”. Por outra banda, debemos lembrar que en abril de 1994 o Comité Europeo para a prevención da tortura, nun informe destinado ao Estado español, lembraba que “consideracións humanitarias, sen mencionar o obxectivo da rehabilitación social, falan a prol de que as persoas presas cumpran as súas sentenzas na rexión [sic] onde teñan lazos sociais e familiares” (punto 143 do Informe).
Xa que logo, o dereito fundamental á reinserción social que as normas, tanto estatais como internacionais, recoñecen a todas as persoas que cumpren penas en prisión, está directamente vinculado ao cumprimento das penas en ámbitos territoriais onde teñan lazos familiares e sociais, de xeito que a dispersión e afastamento que se lle aplicaría a María Osorio afecta negativamente á efectividade deste dereito básico.
A dispersión é cruel e inhumana
Non hai ningún dato que nos faga pensar que María Osorio non vaia ser obxecto desta política ilegal, criminal e inhumana que é a dispersión dos presos independentistas. Con case toda seguridade María será internada nunha prisión a centos de quilómetros do seu fogar e da súa familia o que afondará no seu desarraigo e separación da súa realidade cultural e socio-afectiva. Na Galiza existen cinco centros penitenciarios polo que non entenderíamos que María fose dispersada a unha prisión a centos de quilómetros. Calquera decisión neste sentido será un acto cruel, de vinganza e de castigo adicional contra María e a súa familia.
A política de dispersión penitenciaría non só supón un castigo engadido ás persoas privadas de liberdade, senón tamén aos seus familiares e amigos que se ven obrigados a desprazarse centos de quilómetros para poder efectuar unha visita de 40 minutos nos centros penitenciarios, asumindo un enorme custo económico, emocional, de tempo e de saúde. Se María ingresa nunha prisión fóra de Galiza, a súa familia e amigos porán en perigo a súa vida polo risco acrecentado de accidentes na estrada, pois as viaxes fanse habitualmente de noite e están condicionadas polas xornadas laborais e polos estritos horarios dos centros penitenciarios, moitas veces fixados de maneira arbitraria para dificultar as visitas.
A defensa de dispersión é cínica e hipócrita
Algúns responsbales políticos do PP e do PSOE na Galiza, ante a evidencia da excepcionalidade da dispersión e o seu carácter inhumano, teñen xustificado o afastamento d@s pres@s polític@s como unha medida moi eficaz para evitar a reoorganziación d@s pres@s polític@s en prisión e que se relacionen entre eles. Pois ben, no caso de María, esta xustificación carece de calquera sentido. María é a única muller do colectivo de pres@s indepedentistas galeg@s; independentemente da prisión galega na que fose internada, o contacto con outros presos políticos sería fisicamente imposible. Se María é dispersada fóra de Galiza evidenciarase aínda máis a hipocresia e o cinismo de quen defende a dispersión con estes argumentos.
Por todo o exposto anteriormente reclamamos que, no suposto de que o Tribunal Supremo faie contra María Osório Lópes, esta poda cumprir a súa condena nunha prisión radicada na Galiza, en cumprimento da lexislación estatal e internacional en materia de dereitos humanos, e por unha cuestión estritamente humanitaria. Para promover esta reivindicación Que voltem para casa! vai por en marcha unha campaña da que daremos cumprida información.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario