31 ene 2014

[A Corunha] Nota de prensa Stop Desafiuzamentos: Hoxe venres 31 xaneiro.- Apropiámonos dos caixeiros e Concentración familias afectadas polo Parque Ofimático

Colamos esta convocatoria para hoxe de Stop Desafiuzamentos, recebeda hai unhas horas na nosa caixa de correos:

VENRES 31 de XANEIRO:

[10.30hrs.] Apropiámonos dos caixeiros que nos desafiúzan.

[14.00hrs.] Concentración das familias en risco de desafiuzamento polo P. Ofimático.


A partir das 10.30hrs. de hoxe, venres 31 de xaneiro, e con saída dende a praza de Ourense, levaremos adiante a performance reivindicativa “Apropiámonos dos caixeiros que nos desafiúzan”, enmarcada dentro das accións impulsadas pola Asamblea de Afectadas pola Vivenda e a Hipoteca, cuxa terceira reunión tivo lugar o pasado 11 de xaneiro.

Seguindo o camiño marcado no Roteiro contra o terror bancario celebrado no pasado mes de decembro, estas accións deseñadas polas persoas en risco de desafiuzamento son unha mostra clara de unidade e empoderamento cidadán diante das agresións cometidas polas entidades financieiras.

Así, novamente sairemos á rúa para sinalar aos culpábeis da estafa financieira e do roubo bancario, reivindicando que se faga efectivo un dereito básico universal como é o da vivenda.

Por outra banda, ás 14.00hrs. terá lugar un venres máis a Concentración embaixo do paso elevado que cruza a Avda. Alfonso Molina á altura da Igrexa de Eviña, coa que as familias en risco de desafiuzamento pola construción do Parque Ofimático visibilizan cada semana a ineptitude e abandono do Concello da Coruña, reivindicando a desafección do Plan das casas ubicadas na marxe dereita de Alfonso Molina, así coma solucións para as familias cuxos fogares fican arestora rodeados de escavadoras, no medio da lameira na que este plan urbanístico especulativo converteu os terreos rurais que antano daban a benvida á cidade da Coruña na súa entrada pola zona de Elviña. Sinalar tamén que o alcalde Carlos Negreira segue sen aceptar reunirse cas familias afectadas malia a terse comprometido publicamente e térselle rexistrado varias solicitudes de reunión a través das canles administrativas ordinarias.

Moitas grazas pola vosa atención

Saúdos, boa xornada e moi bon final de semana,

STOP Desafiuzamentos A Coruña.

1 comentario:

  1. Galería de Imaxens en "La Opinión" sobre a performance:

    http://multimedia.laopinioncoruna.es/fotos/a-coruna---metro/performance-reivindicativa-stop-desahucios-16719_2.shtml

    ResponderEliminar