25 oct. 2013

A minería non é tan rendible como queren facernos crer: Incremento Grupo Investidor, o primeiro grupo galego de wolframio, suspende pagamentos ao non poder xustificar millonarias subvencións

Colamos de EconomñiaDigital

Os feitos empéñanse en levar a contra a aqueles que ven Galiza como a gran veta da nova minaría. O xulgado do Mercantil número dous da Coruña declarou o concurso voluntario de Incremento Grupo Investidor, unha compañía que reabriu a histórica mina de San Finx, no municipio coruñés de Lousame, para extraer wolframio, erixíndose no seu día en puntal da extracción de minerais ata entón pouco valorados pola súa baixa demanda e que contou con millonarias subvencións, tanto da Xunta coma do Ministerio de Industria.

Nun auto datado o pasado 3 deste mes, o titular do Xulgado do Mercantil número dous, sinala que "a debedora manterá as facultades de administración e disposición do seu patrimonio", quedando sometido "o devandito exercicio á intervención do administrador concursal", que recaeu nunha firma compostelá. Ademais o xuiz tamén insta os acredores a notificar ao xulgado a existencia de créditos, e abre así unha nova páxina na historia de Incremento Grupo Investidor, constituída en 2007 e convertida a golpe de subvención na grande esperanza da nova minaría galega.

Problemas accionariais

Incremento Grupo Investidor comezou a rehabilitar, primeiro, e logo explotar minas como a histórica de San Finx, en Lousame. Tamén conta con dereitos mineiros e actividade en Santa Comba, así como dereitos en municipios como Sanxenxo e outros pola provincia de Ourense. O conxunto de accionistas de Incremento Grupo Investidor repártese, segundo a memoria da compañía presentada no Rexistro Mercantil, entre Joaquín Eulalio Ruiz Mora, que ten un 20% da sociedade e lidera os proxectos industriais. Acompáñano outros dous grupos de empresarios, Investimentos Camporredondo, cun 40%, e Investimentos Monteneme, con outro 40%. Este mesmo ano os traballadores da compañía foron testemuñas dun cruzamento de querelas entre os socios do primeiro grupo galego de wolframio. Os accionistas de Incremento Grupo Investidor acusábanse mutuamente de delitos societarios e de apropiación indebida.

Incremento ten outra fronte aberta en todo o que respecta a axudas públicas recibidas. De feito, a compañía admite que incumpriu varios requisitos para xustificar inxeccións e subvencións, que en total, durante un período de tres anos, sumaron ata 1,9 millóns de euros. As axudas máis cuantiosas son precisamente as que non logrou xustificar, e cualifícaas nas súas contas de reintegrables aos organismos públicos que llas concederon.

Axudas do Igape

En concreto, nesa situación figuraban nas contas presentadas ao Rexistro Mercantil un total de 645.000 euros recibidos polo Igape, dependente da Consellería de Economía, que llos concedera en 2010 para un "proxecto de investigación xeolóxico-mineiro" en Santa Comba. Tampouco logrou xustificar unha subvención do Ministerio de Industria, para ese mesmo proxecto, por importe de máis de 497.000 euros, concedido ese mesmo ano de 2010.

Todos eses problemas non pareceron influír na decisión da Consellería de Economía de recoñecer novos dereitos mineiros para Incremento. De feito, nunha resolución do 13 de agosto do ano pasado, a xefatura territorial de Pontevedra do devandito departamento, autorizaba e sometía a información pública un novo permiso de investigación no concello de Sanxenxo por parte de Incremento Grupo Investidor.

1 comentario:

  1. A que non sabedes que o cabeza visible do Grupo Incremento, Joaquín Ruiz Eulalio Mora, formou parte dun Colectivo Anarquista que actuou na Coruña a comezos dos anos 80 do século XX: o Grupo "Aurora"?.
    "Tempos Fugit"

    ResponderEliminar