Carlos Taibo ven de publicar baixo a editorial independiente Catarata o libro: "Repensar la anarquía. Acción directa, autogestión, autonomía", que o mesmo Carlos Taibo comenta así: "Asistimos a un visible renacemento do pensamento libertario que tanto lle debe á quebra da socialdemocracia e dos modelos do socialismo real como á certificación de que o capitalismo se está a internar nunha fase de corrosión terminal que achega o momento do colapso. Neste volume examínanse moitos dos debates dos que participan os libertarios contemporáneos, e ao respecto se estudan, con vocación non dogmática, a proposta teórica do anarquismo, a súa crítica da democracia liberal e a súa defensa da democracia e a acción directas, a contestación do Estado e do capitalismo, a aposta pola xestación de espazos de autonomía autoxestionados e desmercantilizados, ou a relación do mundo libertario co feminismo, o ecoloxismo, o antimilitarismo e as loitas solidarias".
Na sua web Carlos Taibo recolle unha entrevista de P. Maceiras sobre este libro, que copiamos (unha vez traducida):
Hai tres anos publicaches, Carlos, unha antoloxía de pensamento libertario. Que ten que ver este libro con aquel?
Son traballos con obxectivos diferentes. Se en Libertari@s, que publicou Del Lince, o meu propósito maior era demostrar que os clásicos anarquistas, e con eles un puñado de pensadores afíns, tiñan que dicirnos moito á hora de iluminar o mundo no que estamos, neste traballo pretendo escarvar, dende unha visión que non pode ser senón persoal e non dogmática, nos grandes debates que rodean ao pensamento libertario: o Estado, o capitalismo, a loita de clases, a democracia e a acción directas, a autoxestión, as eleccións e os parlamentos, a propia cuestión nacional...
Nas páxinas de Repensar a anarquía volves sobre a distinción entre anarquistas e libertarios.
Volvo sobre esa distinción porque me serve para chamar a atención sobre unha idea importante, pero non me obstino en impoñela. O adxectivo anarquista ten unha condición ideolóxico-doutrinal máis forte que a que corresponde ao adxectivo libertario. Aínda que xa sei que forzo o argumento, un anarquista é alguén que leu Bakunin e Kropotkin, e que se identifica coas súas ideas. Aínda que esas lecturas son moi recomendables, o de libertario ten un sentido máis amplo, na medida que remite á condición de moitas xentes que, anarquistas ou non, apostan pola asemblea, pola democracia directa e pola autoxestión, e rexeitan xerarquías e liderados. Creo firmemente que cada vez hai máis libertarios, algo que pode comprobarse ao abeiro da expansión que entre nós están a experimentar os espazos autónomos que se reclaman da autoxestión e a desmercantilización.
Cres realmente que asistimos a un renacemento das ideas e das prácticas libertarias?
Paréceme que salta á vista, e que ten como pouco dúas explicacións principais. A primeira a configura a quebra sen fondo das propostas que carrexaron a socialdemocracia e o leninismo. A segunda é, ao meu entender, e non obstante, máis importante: para facer fronte aos problemas dun capitalismo que se interna nunha fase de corrosión terminal, e que nos conduce ao colapso, a proposta libertaria, que non é outra que a da organización da sociedade dende abaixo, en defensa aberta da autoxestión e da desmercantilización, que acabo de mencionar, ten hoxe máis actualidade que nunca. Creo que esa proposta se xustifica máis polo que se nos vén enriba que polo que puidese acontecer, que tamén, no pasado.
O teu libro é unha alegación contra os que seguen crendo en eleccións, partidos e parlamentos.
Ségueme producindo fascinación o eco que a vía electoral, e con ela a figura dos dirixentes políticos, ten en persoas polo demais intelixentes e respectables. Non sei se atribuílo ao ascendente poderoso que acabou por alcanzar a cultura ao uso do sistema que padecemos ou a unha sorte de cegueira provisional derivada do desespero. Pero aclararei que tampouco me sento moi cómodo nesa batalla: que cada quen faga o que considere conveniente. Aínda que teño a certeza de cales son as calexas sen saída ás que conduce a vía electoral, e en particular o que se traduce nun esquecemento inevitable de todo o que cheire a democracia directa e autoxestión, me interesa máis a parte propositiva da proposta libertaria. E permítome rescatar un argumento que utilizaba con frecuencia Ricardo Mella: se queren vostedes, voten, pero traballen pola emancipación, dende abaixo, os restantes 364 días do ano. Se é que o feitizo por eleccións e representacións llo permite.
É imaxinable un proxecto libertario se a loita de clases non corre constantemente polas súas veas?
Obviamente non. Nunca foi imaxinable sen a loita de clases, e menos serao agora que asistimos a unha manifestación ostentosa da loita de clases que libran os de arriba. Outra cousa distinta é que nos poñamos de acordo no que se refire aos retos que formula hoxe a loita de clases. Ao respecto síntome incómodo tanto cos que consideran que a clase obreira é un prescindible artefacto do pasado coma cos que estiman que esa mesma clase obreira non experimentou cambio ningún no transcurso do último século. As cousas como foren, afianzar un proxecto anarcosindicalista que teña o seu núcleo maior no mundo do traballo paréceme que é unha tarefa vital nun escenario no que as relacións laborais están a regresar ao século XIX. Éo polo menos se o noso propósito non é buscar unha saída social á crise, senón deixar atrás o capitalismo con urxencia.
Hai que revisar o papel do Estado na tradición anarquista?
Máis ben hai que actualizalo. Creo que nesa tradición se asentaron ao respecto dúas percepcións que merecen reflexión. A primeira é certa obsesión polo Estado que esquece que este último é ao cabo un instrumento, ben que central, de dominación ao servizo do capital. Moitas das opresións que hoxe padecemos non pasan necesaria e claramente pola canle do Estado. A segunda é, con todo, máis delicada, na medida que se asenta nunha inxenua identificación dunha suposta función protectora do Estado, ben materializada nos chamados Estados do benestar. É importante cuestionar o que significan estes como instancias exclusivas do capitalismo, hostís a toda perspectiva autoxestionaria, estreitamente vinculados coa socialdemocracia e o sindicalismo de pacto, a duras penas liberadores en relación cos problemas das mulleres, ecoloxicamente insostibles e insolidarios en relación cos problemas dos países do Sur. E é importante recordar, en paralelo, a dimensión represiva e controladora que corresponde, de sempre, ao Estado.
Dedicas un espazo notable no libro a procurar as relacións entre os clásicos do anarquismo e as propostas do que hoxe coñecemos como ecoloxía, feminismo e pacifismo.
A relación co pacifismo e o antimilitarismo é fluída, existe, ben que con atrancos e problemas, no caso do feminismo, e é moi débil, en cambio, no da ecoloxía. Aínda que, con algunha excepción menor, os clásicos do anarquismo foron, no que fai ao problema inxente dos límites ambientais e de recursos, pensadores ancorados no XIX, é certo que o seu rexeitamento dos grandes complexos produtivos e das formas de organización do traballo, inevitablemente opresivas, do seu tempo, xunto coa súa defensa da organización dende abaixo, prefiguraron a miúdo da súa parte un mecanismo de defensa case biolóxico fronte á idealización do desenvolvemento das forzas produtivas á que se entregaron Marx e os seus epígonos.
Os críticos da democracia directa subliñan que é unha forma por completo inadecuada para encarar os problemas de sociedades complexas.
E en parte teñen razón. O que acontece é que a reivindicación da democracia e da acción directas non aparece soa. Faise acompañar da defensa paralela dunha reestruturación radical das nosas sociedades que reclama, fronte ao colapso, decrecer, desurbanizar, destecnoloxizar, descentralizar e descomplexizar. Hai que tomar o paquete enteiro. Se a tarefa correspondente parece difícil, e sen dúbida o é, non está de máis que recorde o que rezaba con ironía un treito dunha canción anarquista francesa do XIX: abolamos, si, o capital, pero, se o facemos, quen nos pagará o xornal do sábado? Moitos dos problemas que hoxe nos parecen insorteables acaso non sexan un escollo tan severo cando nos poñamos á tarefa.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario