Colamos de SermosGaliza este artigo asinado por Beti Vázquez:
A defensa de María Osório, Antom Santos, Roberto R. Fialhega e Eduardo Vigo ten preparado xa o recurso de casación que na segunda feira, día 30, presentarán perante o Tribunal Supremo. Nel reclaman que o xuízo decorrido na Audiencia Nacional española entre o 24 e o 27 de xuño sexa declarado nulo porque, afirman, "non se respectaron as mínimas garantías".
Así o explicou Manuel Chao, avogado de Roberto R. Fialhega e Eduardo Vigo, ambos condenados a 18 anos de prisión --oito anos por "participación en organización terrorista", outros oito por "tenza de explosivos con fins terroristas" e dous por "falsificación de documento oficial"--. Chao compareceu acompañado de Borxa Colmenero (defensa de Santos) e Alejandro Cortizas (defensa de Osório) para explicar por que rexeitan a sentenza ditada polo tribunal. Fano, dixeron, "por razóns eminentemente xurídicas".
"Non se pode condenar ninguén polo que pensa"
Aseguran os letrados que durante o xulgamento foron "violados" varios dereitos fundamentais contemplados en textos legais como a Constitución española ou o Convenio europeo de dereitos humanos. "Toda persoa que vai ser enxuizada ten dereito a un órgano xudicial imparcial e a se defender", subliñou Manuel Chao, recalcando unha apreciación que a defensa observou durante todo o procesamento: "un desequilibrio favorábel ao Ministerio Fiscal, única parte acusadora".
Seguindo a enumeración de dereitos que a defensa considera vulnerados estaría a presunción de inocencia que asiste a todas as persoas imputadas, o dereito á liberdade de expresión e máis un que consideraron de especial relevancia: o dereito á liberdade ideolóxica. "Non se pode condenar ninguén polo que pensa e non se poden adaptar as probas", recalcou Manuel Chao.
Denuncian "interferencias do poder político no poder xudicial"
Con todo, tamén houbo mención á "interferencia do poder político no poder xudicial". Así cualificaron as declaracións realizadas polo ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, cadrando co segundo día de xuízo e que reproducimos de seguido: "agardo que a Audiencia Nacional teña o acerto de cualificar Resistencia Galega coma o que é, unha organización terrorista, e que impoña aos acusados as penas que lles correspondan".
Os tres letrados deixaron claro que esgotarán "todas as vías xudiciais", comezando no Supremo, seguindo polo Tribunal Constitucional e rematando no Tribunal de Estrasburgo se for preciso, malia confiaren en que a "violación de dereitos" que denuncian sexa apreciada xa co recurso de casación e o xulgamento sexa declarado nulo.
"En todo caso, Fialhega e Vigo serían culpábeis de depósito de artefacto incendiario"
Recalcou Chao que "unha das garantías para que unha proba sexa aceptada é a contradición", contradición que lles foi negada tanto aos peritos da defensa (Bernardo Máiz e Carlos Taibo) como aos propios avogados, que non puideron formular preguntas ao garda civil. Así mesmo, explicou que o facto de permitir que un funcionario da policía actúe como perito "só se dá cando se aplica a lexislación antiterrorista".
A defensa falou tamén dos artefactos incendiarios que a policía dixo ter incautados a Roberto R. Fialhega e a Eduardo Vigo: un deles no rexistro do domicilio do primeiro e outros dous no rexistro do carro en que viaxaba o segundo. "Ao non se teren causado lesións, en todo caso, de resultar probado, a Audiencia Nacional noutros casos o que estabeleceu foi un delito de depósito de artefacto incendiario con carácter de terrorismo individual".
A sentenza "fía unha serie de cousas insólitas"
Referiuse ás declaracións dos voceiros dos catro grupos parlamentares, do director do CIS e do propio delegado do Goberno español na Galiza. "Ningún deles foi quen de dar nin un só dado de persoas lesionadas, de persoas ameazadas", malia que a sentenza decorrene deste xuízo "fía unha serie de cousas insólitas para estabelecer que hai unha organización terrorista", recordando que até o de agora só foron cualificadas coma tales ETA, os GRAPO e o Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive, "mais nestes casos si houbo lesións, si houbo feridos, si houbo ameazas".
Por derradeiro, Manuel Chao denunciou que o informe "de máis de 800 folios" lles foi entregado dous días antes da vista, polo que non lles deu tempo nin a revisalo coa profundidade que requería unha proba destas características. Aliás, as traducións lingüísticas dos documentos escritos en galego-portugués e atribuídos aos ou á acusada "tiñan incorreccións e non foron feitas por peritos expertos".
No hay comentarios:
Publicar un comentario