1 jul 2013

Montañas de usar e tirar: a febre da minaría a ceo aberto

Recollemos e traducimos este interesante artigo sobre a mninería a ceo aberto publicado no xornal anarquista "Todo por Hacer"
:

gustaríanos destacar un exemplo un pouco máis afastado: a loita contra a mina de ouro de Skouries en Grecia, cuxa actividade está planeada para empezar en 2015

Mentres o ritmo imparable de produción e consumo do capitalismo segue o seu curso - mesmo nestes tempos que chaman de "crise" -, a busca incesante de recursos que alimenten á máquina vai cada vez máis lonxe, desenvolvendo novas técnicas de extracción que tempo atrás nin sequera se consideraban como opción (non polo sofisticadas, senón polo custosas e monstruosas). Así, depósitos de gas, petróleo ou minerais que se abandonaran porque a súa extracción xa non resultaba rendible, son reabridos agora á desesperada empregando técnicas cada vez máis destrutivas do medio e perigosas para a saúde humana. Tempo atrás falabamos nesta publicación dunha delas, a extracción de gas "non convencional" mediante a fractura hidráulica. Agora queremos dedicar unhas liñas á minaría a ceo aberto, que destruíu xa enormes territorios no Estado español e no resto do mundo, e cuxa expansión constitúe unha seria ameaza en cada vez máis lugares.

Esta técnica consiste na escavación de grandes ocos na montaña, xeralmente mediante perforacións e megadetonacións para romper a rocha, de forma que queda exposto á superficie o depósito que contén o mineral comercial desexado (carbón ou metais como o cobre, o ouro e os metais tecnolóxicos como o litio, tántalo, etc). As toneladas de material estéril escavado amoréanse en entulleiras, e o material aproveitable pasa por diferentes procesos (frecuentemente contaminantes) para extraer o mineral.

Galiza é unha mina

No mes de xaneiro a Xunta de Galiza someteu a información pública os expedientes de diversos proxectos mineiros nos concellos de Xinzo de Limia, Forcarei, Corcoesto, Castrelo de Miño, Ramirás e Cartelle (soamente algunhas das moitas solicitudes recibidas nos últimos anos), revelando as súas intencións cun lema tan cristalino como o de "Galiza é unha mina".

O máis coñecido dos proxectos previstos é o de Corcoesto, por ser o de maior magnitude e o máis catastrófico para o territorio. Este proxecto afecta aos concellos de Carvallo, Cabana de Bergantiños, Ponteceso, Coristanco e principalmente ás parroquias de Cereo e Valenzá. A Xunta concedeu un permiso á multinacional canadense Edgewater para reabrir unha antiga mina de ouro que fora pechada por unha empresa inglesa en 1910 pola súa baixa rendibilidade.

Edgewater pretende ampliar a área de extracción a 700ha, nas cales a empresa estima que obterá unhas 34 toneladas de ouro (non máis que a carga dun camión) no total dos oito ou dez anos de actividade previstos. Pero o verdadeiro obxectivo da mineira vai moito máis alá deste relativamente baixo beneficio. Como a propia empresa declara no proxecto de Corcoesto, o seu "obxectivo prioritario [é] a obtención dos dereitos mineiros dispoñibles, tanto arredor do Proxecto Corcoesto, coma noutras zonas ao longo do cinto aurífero Malpica-Tuy, nas que se coñecen numerosos indicios de ouro (...) que polo seu reducido tamaño só poderían ser economicamente explotados no caso de poder beneficiarse dunha planta de tratamento xa en funcionamento e próxima", como sería a de Corcoesto. De conseguilo, a cantidade a extraer ampliaríase case catro veces, e con ela os efectos desvastadores sobre o territorio ao longo de todo o cinto, duns 140 km de lonxitude. De feito, a empresa xa solicitou outras once concesións na zona. A estratexia de facelo por fases pretende evitar alarmar a poboación e provocar o seu rexeitamento, e sobre todo ocultar o tremendo impacto ambiental acumulado de toda a explotación, solicitando Declaracións de Impacto Ambiental parciais cuxa aprobación sería máis doada.

A Xunta, pola súa banda, coa creación de emprego como escusa para todo, estalle a dar todo tipo de facilidades á multinacional para o Proxecto Corcoesto, permitíndolle levar a cabo as súas investigacións previas nun terreo sen licenza para iso (que foi finalmente clausurada tras unha denuncia veciñal), aprobando a Declaración de Impacto Ambiental, e achandando o terreo mediante a propaganda mediática. De aprobarse tamén a solicitude -admitida xa a trámite- de ser considerado proxecto industrial estratéxico, a empresa teríao aínda máis doado para esquivar normativas urbanísticas e ambientais.

O prezo do ouro

Os efectos da minaría a ceo aberto van moito máis alá dos obvios que supón a trangallada de poñerse a abrir cráteres inmensos nunha montaña. Á parte da destrución directa de grandes superficies de hábitat de numerosas especies, esta brutal alteración da morfoloxía do terreo afecta tamén aos acuíferos e cursos de auga, e carrexa uns fortes procesos erosivos sobre o material amoreado en entulleiras (que, considerando que a razón habitual de extracción de ouro é de entre 1 e 5 gramos por cada tonelada de material, podemos facernos a idea do inmenso volume que ocupará), os cales impiden que se recupere a cobertura vexetal e poden colmatar os cursos de auga próximos.

Pero aínda máis preocupante é a contaminación xerada por esta actividade. Ademais do po residual que se dispersará polo aire ata un diámetro de 30 km depositándose sobre cultivos, poboacións e calquera cousa que haxa arredor, as voaduras e escavacións expoñen á superficie materiais tóxicos e perigosos como o arsénico contido na arsenopirita, que en Corcoesto se acha en grandes cantidades. Segundo un informe do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC e a Universidade de Vigo, a contaminación por arsénico causada pola antiga mina continúa hoxe en día, encontrándose altas concentracións no río Anllóns que baña a bisbarra e no esteiro que forma na súa desembocadura. Se unha pequena mina de galerías liberou tales cantidades, non fai falta ser científico para saber o efecto que pode ter unha explotación de 700 ha a ceo aberto.

Por outra parte, estes materiais liberados, ao entrar en contacto co aire e a auga sofren procesos de oxidación que alteran os minerais e xeran acidez, baixando o pH do chan e da auga (proceso coñecido como drenaxe ácida). E por se fose pouco, o tratamento ao que é sometido o mineral para extraer o ouro baséase na utilización de toneladas de cianuro de sodio, outro perigoso tóxico, que correrá o risco de liberarse ao medio.

Supostamente os elementos contaminantes procedentes do lavado do material e do proceso de cianuración serán contidos durante anos en balsas impermeabilizadas. Balsas como as que rebentaron en Aznalcóllar e en Ajka (Hungría) ocasionando catástrofes naturais irreparables. A realidade é que, como en calquera outra industria, a empresa sabe moi ben que a menores custos, maiores beneficios, e todo o que se poida aforrar en materiais, mantemento das balsas, controis de contaminación, etc., é máis que seguro que o aforrará.

Se ben é certo que tras os desastres acontecidos historicamente a lexislación en canto aos residuos mineiros estableceu límites e medidas de seguridade (sobre todo co Real Decreto 975/2009, creado tras Aznalcóllar), estas nunca serán suficientes nin poderán evitar totalmente a filtración de contaminantes ao terreo, a erosión, acidificación e demais consecuencias da actividade. Igualmente, a restauración do terreo á que obriga a lexislación non é máis que outro argumento para xustificar a devastación, e en moitos casos é esquivada polas empresas, que prefiren deixar a zona arrasada e perder o aval mineiro a pagar o que custa unha restauración, ou que evitan esta declarando a mina en "suspensión de labores" temporal en vez de clausurala. No caso de Corcoesto, Edgewater comprometeuse a acondicionar durante dous anos a zona con bosques, prados, unha plantación de árbores froiteiras e un lago artificial. Un escenario idílico se non fose porque o máis probable é que a esnaquizada morfoloxía do terreo non permita que as plantacións prosperen (menos aínda se tras eses dous anos se abandona a zona á súa sorte) e porque esquecen o detalle da contaminación do chan, a auga e, en consecuencia, de toda a cadea alimenticia.

Unha ameaza en expansión

A situación en Galicia non é un caso illado. A escusa tan recorrida nestes tempos da creación de emprego, xunto co tremendo alza do prezo do ouro (de 700 a 1700 dólares nos últimos quince anos) fixeron aumentar os proxectos deste tipo que hai uns anos non eran viables economicamente ou se rexeitaba. O exemplo quizais máis coñecido no Estado español é o val de Laciana, en León, no cal proliferaron nas dúas últimas décadas numerosas minas de carbón a ceo aberto, moitas delas sen licenza e actualmente condenadas pola UE e polo Tribunal Superior de Castela e León a clausurar a súa actividade (tras destruír xa o val e manter a explotación impunemente durante anos). Pero máis alá de Corcoesto e Laciana existen moitos outros proxectos similares, como a mina de ouro aprobada nos municipios asturianos de Belmonte, Salave, Valo de Casariego, Castropol e El Franco, ou a que afectará á paraxe de Valurcia en Palencia.

Se este panorama non está a pasar de todo inadvertido é polo importante labor de difusión que están a realizar numerosos colectivos e plataformas de rexeitamento á minaría a ceo aberto que xurdiron nos últimos anos, tanto dende os territorios afectados como dende fóra deles (como é o caso de SOS Laciana, xurdido dende Madrid). As mobilizacións parecen estar a empezar tamén a tomar forza polo menos na Galiza, onde a campaña contra o proxecto de Corcoesto reuniu o pasado 2 de xuño a máis de 12.000 persoas en Santiago de Compostela, nunha manifestación convocada pola plataforma ContraMINAcción.

Non obstante, gustaríanos destacar un exemplo un pouco máis afastado: a loita contra a mina de ouro de Skouries en Grecia, cuxa actividade está planeada para empezar en 2015. Nos últimos meses a resistencia contra este proxecto e a represión a esta alcanzaron niveis aos que non estamos acostumados/ás por aquí. Ante as sabotaxes e ataques incendiarios á maquinaria da mina e demais accións contra esta, a represión policial foi en aumento, realizando brutais asaltos con gases lacrimóxenos e redadas a varios domicilios na poboación de Ierissos, foco da resistencia. Esta represión, lonxe de lograr a desmobilización que pretendía, espertou a solidariedade cos/ás detidos/ás e unha maior determinación de defender a zona, levantando barricadas para impedir o paso de maquinaria e antidisturbios, e asaltando a abandonada comisaría de policía da localidade e queimando na rúa todo o seu contido.

Reflexionar sobre as distintas loitas pola defensa do territorio e analizar os seus límites e potencialidades daría para moitas máis páxinas e non é a pretensión deste artigo, pero parecíanos importante polo menos introducir un exemplo como este dunha comunidade en loita activa, continua e firme pola defensa do seu propio territorio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario