1 jul 2013

A prensa libertaria renace dentro de Cuba tras 52 anos de silencio

Recibimos correo do blogue en francés Polémica Cubana e traducimos de Alasbarricadas esta noticia que defundimos:

O xornal Terra Nova! acaba de publicar clandestinamente os seus dous primeiros números.

Dende sempre existe unha tradición libertaria no Caribe. As ideas ácratas sempre impregnaron o pobo cubano, sendo unha expresión revolucionaria que naceu moi cedo, nas primeiras loitas contra a escravitude e a independencia no século XIX. O movemento libertario ten bastante máis de cen anos en Cuba, non obstante, foi excluído da historia oficial por historiadores e editores a soldo do Partido Comunista de Cuba. En 1960, varias organizacións anarquistas que loitaron na clandestinidade ou na guerrilla xunto a Castro foron prohibidas. Neses anos, os libertarios foron asasinados, encarcerados ou forzados ao exilio.

Comentamos reiteradamente no noso xornal Cuba libertária e o blog Polémica Cubana (en francés) o renacemento nos últimos anos do movemento libertario en Cuba. Despois da creación, hai algúns anos, da Rede Observatorio Crítico e, máis recentemente, do Taller Libertario Alfredo López na Habana, os nosos compas libertarios veñen loitando para revivir o anarquismo. Este grupo de mozos activistas investigan a realidade cubana, a historia do movemento anarquista e as súas ideas. A pesar da represión e a censura para falar polos medios de comunicación en mans do réxime, xa que calquera punto de vista libertario é xulgado contra-revolucionario das autoridades, os libertarios saen pouco a pouco da clandestinidade.

A Revolución creou unha gran frustración e decepción, sobre todo entre as xeracións máis novas. Un profundo desexo de liberdade, de dignidade, de falar e de actuar existe en Cuba. Débense reinventar os vínculos sociais co fin de contribuír a unha "revolución dentro da revolución" e de loitar contra o autoritarismo, a burocracia e a corrupción xeneralizada.

Damos a benvida hoxe, a pesar da censura e a represión, ao renacer dunha prensa anarquista clandestina en Cuba, cando os nosos xovens compas da Habana acaban de publicar os dous primeiros números de Tierra Nueva! despois de máis de 52 anos de silencio. Cabe recordar que a finais de 1960 se prohibiron todas as publicacións libertarias.

Para dar voz aos valentes editores do xornal, reproducimos a nota editorial do número 1:

«Tierra Nueva! porque nos sentimos herdeiros do grupo libertario que redactou durante 22 anos o semanario Tierra!, a principios do século pasado.

Esta publicación nace para contribuír a conectar con individualidades e colectivos que viven na cotianidade relacións libres, pracenteiras, solidarias... que forman parte dun espírito anarquista silvestre e espontáneo.

Cremos que é posible unha sociedade sen mediación, sen espectáculo, sen miseria, sen autoridade, sen leis agás as que elixamos, sen discriminación, sen simulación, sen opresión, sen servidume.

Non temos nada contra da utopía, nada máis lonxe da verdade, pero sabemos que é moito máis utópico pensar nun futuro "estado de benestar" que nunha sociedade botada a andar por nós mesmos nos tempos que veñen.

Para os que crean que queremos vivir na desorde, encántanos o único tipo de orde que non nace das cadeas da servidume, senón da nosa liberdade realizada: a única orde que entendemos como natural e antagonista da desorde actual, imposta por tantas autoridades.

Como aspiramos a unha sociedade de individuos libres e plenamente realizados, como entendemos que os Estados garanten a continuidade do actual réxime de explotación destes tempos modernos (a escravitude salarial), non podemos facer menos que declararnos os seus inimigos. Así, son invitadas a colaborar todas as persoas interesadas, AGÁS aquelas que dalgún xeito vivan do esforzo do traballo alleo.

Se ben as clases dominantes nos manteñen na inacción, na confusión, na falta de solidariedade, no illamento, á espera dos elixidos que nos dean un mellor futuro, cremos que o principal culpable que non nos deixa vivir ben aquí e agora, é o policía que case todos levamos dentro. Este será unha vítima dos nosos constantes ataques.

Rexeitamos todo tipo de participación política no xogo do poder, porque entendemos que o poder político non é unha ferramenta de transformación social, senón a vía expedita coa que a clase dominante fai a súa vontade, utilizando a armazón do Estado, o seu exército, policía, xuíces e verdugos. Non queremos lexislar o funcionamento de tales institucións senón eliminalas! Queremos vivir de xeito distinto ao que propoñen os partidos de esquerda, centro, dereita, ou intermedios dentro ou fóra do país.

Non pretendemos erixirnos voceiros de ninguén agás de nós mesmos e dos que se nos unan no camiño. Non esperamos nada do Estado, pero dubidaremos en utilizar o que nos quitou. Dadas as dificultades, esta publicación sairá sempre que poida.»


Coa publicación deste xornal os nosos compañeiros cubanos toman grandes riscos, expóñense a anos de prisión segundo a lei cubana, que prohibe a publicación libre. Por iso, a solidariedade política internacional é importante, en previsión á represión e a obstrución dos servizos de espionaxe e seguridade do Estado, que seguramente están atentas ás actividades dos nosos compañeiros.

O renacemento dun movemento libertario en Cuba, coa existencia dun Foro Social propio, son elementos claves para levar a cabo un amplo labor de sensibilización. Pero o desenvolvemento das correntes libertarias e das correntes críticas autoxestionarias, federalistas e ecoloxistas, necesita medios materiais que son difíciles de encontrar na illa. De aí a importancia da axuda externa, mesmo aínda que se trata dunha acción delicada, porque a axuda internacional aos movementos de oposición é considerada polo goberno como un financiamento do "imperio" para a contra-revolución.
Recordamos que as Internacional de Federacións Anarquistas (IFA) e o Grupo de Apoio dos Libertarios e Sindicalistas Independentes en Cuba (GALSIC) puxeron en marcha unha campaña internacional de solidariedade cos libertarios cubanos. Para enviar o material (libros, revistas, CD, DVD, etc.), comunicarse co GALSIC a través do correo electrónico: cubalibertaria@gmail.com

Para apoiar o taller dos compas libertarios na Habana, podedes enviar  axuda financeira a un fondo de apoio permanente que está a cargo da Internacional de Federacións Anarquistas.

Envía as túas doazóns á IFA:

Société d'Entraide libertaire (SEL) c/o CESL, BP 121, 25014 Besançon cedex, Francia (cheques á orde de SEL, escribindo "Cuba" no reverso).

No hay comentarios:

Publicar un comentario