27 jun. 2013

Fumígannos!! Ampliamos a Denuncia do “Herbicidio”

Hai uns días faciamonos eco en Abordaxe da noticia publicada no blogue do Proxecto Comunicativo da Comarca do Umia, Quinteiro, xunto a un seu Vídeo-Denuncia, agora "recuncamos" motivadxs pola publicación dun comentario de "xogaraescribir", na nosa entrada do blogue, e que nos remite a un texto sobre as Fumigacións asinado por "santimlz" e que gostamos de colar para facer medrar a denuncia pública (non na xudicial, na que non cremos) e mesmo sumamonos a sua proposta de recuperar e espallar os "Quinteiros".

Mas antes damos conta de que tal como narran no blogue "Quinteiro": "O caso do “herbicidio” non pasou tan desapercibido como pode parecer, a fumigación por parte dos servizos de mantemento do Ministerio de Fomento tivo lugar, polo que puidemos saber, por moitas estradas do País. Descoñecemos se foi unha práctica xeralizada ou se tan só foi efectuada en determinadas vías. Cómpre salientar que o líquido arrasa toda forma de vida alí por onde cae e, en moitos casos, isto prodúcese á beira de propiedades privadas nas que pacen animais ou se colleitan alimentos (millo, patacas, hortalizas, viño, etc.). Dicir tamén que esta denuncia se ten producido por outros colectivos noutras comarcas".

Apontan tambén que receberon imaxes de dous veciños de Cuntis que dan boa conta da situación ( as que acompañan este artigo e outras que podedes ver acá no seu blogue).

Con elo, din as persoas que levan adiante este Proxecto Comunicativo da Comarca do Umia,: "Quinteiro adquire todo o seu sentido e razón de ser cando se activa a participación cidadá, como neste caso, que agradecemos sinceramente".
Colamos pois o texto "Fumígannos" do que vos falabamos, autoría de "santimlz":

O humilde proxecto que varios veciños e veciñas botamos a andar, con moi escasos medios e coa única fin de xogar a saltar as barreiras impostas, e ao que demos en chamar Quinteiro, recolleu estes días imaxes dunha desas abraiantes mostras de violenta realidade normalizada. Nas últimas semanas, as cunetas das estradas do País foron fumigadas con herbicida polos servizos de conservación e mantemento da(s) administración(s).

O quinteiro é ese espazo no que nas aldeas, máis antes que agora, a xente se xuntaba a falar das súas cousas, tal e como as vía e vivía, sen filtros nin intérpretes que respondendo a terceiros intereses lles viñeran explicar o que pasaba ás portas das súas casas. Ningún acontecemento, por mínimo que fose, ficaba sen analizar por mor de que non suscitara audiencia que mercase ese ruxe-ruxe ou que molestase ao cacique ou ao cura. En todo caso, coidaríase de que non estivesen presentes durante a tertulia, pero do asunto habíase falar antes ou despois. Os tempos mudaron tanto que a actualidade da aldea xa non se repasa no quinteiro senón que sen saír da casa recibimos un abondoso fluxo de noticias que nos di cal é a actualidade que habemos discutir, cales son as preocupacións que habemos ter e mesmo como son os feitos que ocorren da porta para fóra. O fluxo de información que recibimos ten presunción de credibilidade. Non por casualidade, un dos slogans máis repetidos na publicidade dos medios de comunicación é o da “proximidade”, e mesmo as edicións locais viviron unha fermosa época de esplendor que hoxe as empresas da información están relegando ante as situacións económicas. Precisamente en tempos nos que o interese de informar é o último da ringleira que somete á Información (como ben, como dereito), a construción de quinteiros alternativos e en rede pode ser unha idea útil.

Arrasar con líquido tóxico e contaminante as cunetas non pode ter outra cualificación que a de terrorismo ambiental. Un crime perpetrado pola propia administración pública, que malia ser en moitos casos un axente dos intereses económicos, adoita predicar sensibilidade co medio natural. Procedeuse a arrasar con toda herba, insecto ou forma de vida que habitara nas beiras dos viais do País. Pero como foi un procedemento a discreción, calquera animal que se achegase ao que en moi pouco tempo apareceu queimado arriscábase a negativas consecuencias. Sulfatouse veleno polas beiras de cultivos de millo, patacas, viño… herbeiras nas que pacen ovellas, cabras, vacas… arrasáronse silveiras e herbas de todo tipo… sentenciáronse insectos, toupas, paxaros… A posibilidade de que a herbicida chegue ao consumo humano non é nin moito menos remota, pero tampouco o é a de que vaia a parar a regatos, ríos, acuíferos, etc. E por se fose pouco todo isto, ás portas do verán as cunetas queimadas son un sinxelo combustible que pode deparar fatais consecuencias.

Non é doado entender por que se fai isto. Alguén está a sacar tallada de arrasar quimicamente as cunetas do País, de poñer en risco as leitugas que tratan de nacer á beira da estrada e das abellas que van aos silveirais que ocultan algúns “stops”. Intúo que con cartos públicos se debeu mercar unha partida ben grande de herbicida a algún fabricante de velenos con suficiente influencia como para marcar ese gol. Abrir espazos de negocio a conta do aire que respiramos. Non hai límites.

Contra as fumigacións masivas, as defensas pequeniñas conseguen de vez en cando resistir. Ás veces, rozar a realidade cos nosos propios medios é unha posible solución. Tan só consiste en usar os instrumentos que temos á nosa disposición para o combate de proximidade. Fumígannos con información que non informa e os efectos son devastadores para o noso medio. Pasa o camión, sulfata e quédanos a herba arrasada, as consecuencias irreversibles e o risco de incendio. Non resiste razón, nin vida, no medio da contaminación. O primeiro e imprescindible paso é a denuncia, a posta en común nun lugar libre no que comprobarmos que o resto dos veciños/as están a ver o mesmo que nós, que a actualidade non sempre sae na televisión.
E xa para rematar colamos un comentario publicado na noticia de "Quinteiro" Denuncia: recibimos máis imaxes do “herbicidio”:

"Menos mal que hai quen se teña fixado nisto! Nesta primavera deume a sensación de que había saldo de herbicidas.

Supoño que terá que ver coa abundante chuvia tamén, pero é una salvaxada. Vinno ata nun patio escolar. Aos poucos días do herbicidio escolar apareceron gatiños mortos polo patio. Vinno nun parque público, tamén.

E no mesmo patio da casa onde vivo. Un gato meu estivo a piques de morrer.

Fomento e tododiós, esta primavera foi o a gran festa do herbicidio, coas innumerables “víctimas colaterais” que conleva regar medio país con eses tóxicos".

1 comentario:

  1. o peor é que non soamente corre a cargo da administración, coma cabe agardar, senon que moitos veciños tamén "limpan" así as súas cunetas...

    ResponderEliminar