3 jun 2013

Carta dos Presos en Folga de Fame en Guantánamo ao Médico da prisión que os alimenta à forza

Recollemos e traducimos do Boletín Tokata

Estimado doutor:

Non desexo morrer, pero estou preparado para correr o risco con que poida chegar a facelo, porque estou a protestar polo feito de que fun encerrado durante máis dunha década, sen xuízo, sometido a tratos inhumanos e degradantes e se me negou o acceso á xustiza. Non teño ningún outro xeito de comunicar a miña mensaxe. Vostede sabe que as autoridades me quitaron todo.

Por esta razón, respectuosamente solicito que se permita a profesionais médicos independentes entrar a Guantánamo a tratarme, e que se lles dea total acceso á miña historia médica, co fin de determinar o mellor tratamento para min.

Vostede afirma estar a actuar de acordo cos seus deberes como médico para salvar a miña vida. Isto vai en contra do meu desexo expreso. Como vostede debe saber, son competente para tomar as miñas propias decisións sobre o tratamento médico. Cando trato de rexeitar os tratamentos que me ofrece, vostede mos mete á forza, ás veces con violencia. Por estas razóns, vostede está a violar a ética da súa profesión, como a Asociación Médica dos Estados Unidos(1) e a Asociación Médica Mundial(2) o deixaron en claro.

A miña decisión de ir á folga de fame e soportala case ata a inanición durante máis de 100 días non foi tomada por riba. Fágoo porque, literalmente, é o único método que teño para facer que o mundo exterior poña atención. A súa resposta á miña decisión coidadosamente considerada non pode conducir loxicamente á conclusión de que o seu único obxectivo é salvar a miña vida; as súas accións durante os últimos meses non son compatibles con este tipo de inferencia.

Para aqueles de nós que somos alimentados á forza contra a nosa vontade, o proceso de pasarnos á forza, repetidamente, un tubo polo nariz e ata a garganta para manternos nun estado de semi inanición é extremadamente doloroso e as condicións nas que se fai son abusivas. Se de verdade vostede tivese os meus intereses de saúde no corazón, vostede tería podido falarme como a un ser humano sobre as miñas opcións, en lugar de tratárseme dun xeito coma se me estivesen a castigar por algo.

Vostede debe saber que a súa reacción profesional esaxerada á miña participación na folga de fame foi condenada non menos que por unha autoridade como as Nacións Unidas; o Relator Especial sobre a Saúde afirmou inequivocamente que "o persoal de saúde non poden exercer presión indebida de ningunha clase sobre as persoas que optaron polo recurso extremo dunha folga de fame, nin é aceptable o uso de ameazas de alimentación forzada ou outros tipos de coacción física ou psicolóxica contra as persoas que decidiron voluntariamente facer unha folga de hambre" (3).

En todo sentido, non podo confiar no seu consello, xa que vostede é responsable ante os seus oficiais militares superiores que requiren que vostede me trate por medios inaceptables para min, e vostede pon o seu deber para con eles por enriba do seu deber para comigo como médico. A súa lealdade dividida fai que sexa imposible confiar en vostede.

Por estas razóns, a nosa actual relación médico-paciente non pode contribuír a solucionar as ameazas á miña saúde que está a xerar esta folga de fame. Vostede pode ser capaz de manterme con vida durante moito tempo nun estado de debilitamento permanente. Pero con tantos de nós en folga de fame, vostede está a intentar un tratamento experimental a unha escala sen precedentes. E vostede non pode estar seguro de que non se cometerá un erro humano que levará á morte dun ou máis de nós.

Os seus superiores, ata e incluíndo ao presidente Obama, o seu Comandante en Xefe, recoñecen que a miña morte ou a doutro folguista de fame aquí terían consecuencias adversas graves. A vostede ordenóuselle garantir, con absoluta certeza, a miña supervivencia, pero iso está máis alá da súa capacidade de facelo (ou talvez a de calquera médico).

Teño certa simpatía pola súa posición imposible. Se vostede continúa no exército ou regresa ao exercicio civil da medicina, terá que vivir durante o resto da súa vida co que fixo e deixou de facer aquí en Guantánamo. Dando un paso adiante vostede pode facer a diferenza. Pode optar por deixar de contribuír activamente ás condicións abusivas que estou a soportar actualmente.

Só pídolle que eleve aos seus superiores a miña petición urxente de que se me permita ser examinado e asesorado por médicos independentes elixidos, en reserva, polos meus avogados, e que se lles subministre a eses médicos os meus informes médicos completos antes da súa visita.

Isto é o menos que pode facer para manter o mínimo do seu xuramento de "non" facer dano.

Atentamente,

E asinan esta carta os detidos en folga de fame (ver relatorio na páxina de Tokata)

No hay comentarios:

Publicar un comentario