23 may. 2013

[Xinzo] Sábado 25 às 10:30' TRACTORADA contra o proxecto de MINA de FELDESPATO A CEO ABERTO en Corno do Monte.

Damos pulo a esta convocatoria con as palabras dunha compa ao respeito da mesma, e de seguido colamos o texto da convocatoria e a denuncia da Plataforma Veciñal CORNO DO MONTE depois de que a Xunta dera a patada a veciñanza afectada pola mina de feldespatos en Xinzo ao porse a favor da empresa mineira que pretende destruír máis de 210 empregos directos e outros tantos indirectos dando un golpe mortal a xa deteriorada economía da Limia.

Esta é unha convocatoria, nun lugar. Nun lugar dos moitos afectados polos proxectos mineiros. Depende de nós e agora máis que nunca, isto temos que paralo, por dignidade, polxs nosxs pequenxs, polo que somos, porque se non paramos estes proxectos imos morrer como pobo, como persoas e nunca poderemos volver a mirarnos aos ollos. Deixemos o que esteamos a facer, pode esperar, agora o realmente importante é plantarlle cara aos abusos. Defendernos e defender a terra na que vivimos e que nos da de comer.

A información está ahí e quen non se quere enterar e porque directamente non lle interesa.

Foder, está en xogo a nosa vida! Espabilade!

E reproducimos a información recebida da Plataforma Veciñal CORNO DO MONTE:

A Asociación Plataforma Veciñal CORNO DO MONTE composta por veciñas e veciños de Seoane de Oleiros, Fiestras, Laroá, San Pedro de Laroá, Rebordechá, Paredes, Moreiras e Faramontaos, todas elas pertencentes ao Concello de Xinzo de Limia levamos varios meses loitando contra a instalación na nosa zona dunha MINA DE FELDESPATO A CEO ABERTO, que afectaría irremediablemente á nosa agricultura, gandería, ambiente e forma de vida.

Son moitas actuacións as que levamos feito por todas as aldeas e na vila de Xinzo de Limia, e non pararemos ata que a Xunta denegue a licenza a este proxecto.

Por isto, o SÁBADO 25 DE MAIO, ÁS 10:30 DA MAÑÁ faremos unha TRACTORADA que sairá da PRAZA DO TOURAL. Percorrendo as rúas das vilas e chegará ás aldeas afectadas.

É preciso que asistamos todas e todos os veciños, asociacións, comerciantes, almacenistas, sindicatos, agrupacións políticas... XOGÁMONOS O FUTURO. Sabemos que a agricultura e a gandería son a base dos pequenos negocios da vila; cando o agro vai ben, Xinzo vai ben. Por iso o día 25 temos unha RESPONSABILIDADE:

DEFENDER A NOSA TERRA, O NOSO TRABALLO, A NOSA VIDA

Agardamos unha asistencia masiva para que nos escoiten en Santiago e vexan que a TERRA É NOSA.

Un cordial saúdo en nome da Plataforma Veciñal CORNO DO MONTE

Ademais, como dixemos ao principio, colamos a denuncia da Plataforma Veciñal CORNO DO MONTE depois de que a Xunta se puxera a favor da empresa mineira con un informe favorable que avala a mina de feldespato a ceo aberto:

Tal e como dixo o Director Xeral de Industria, Enerxía e Minas o pasado Venres na súa comparecencia na comisión do Parlamento Galego, os informes serían publicados e facilitados as diferentes partes. O resultado deses informes da Xunta, que xa adiantara aos representantes da Plataforma a Subdirectora Xeral de Minas, avalan a que se leve a cabo a Mina de feldespatos en varias parroquias do concello limiao.

O feito de que estes informes sexan favorables, deixan unha vez máis baleiros de contidos moitos dos titulares de prensa que foron sacados no entorno da Xunta para “calmar as augas” e impedir que as accións da veciñanza danaran os intereses da empresa mineira e do goberno que os avala.

Queremos lembrar tamén que a decisión non está tomada, pero tal e como dixo o Director Xeral de Industria, a pesares de que a lei di que os informes non son vinculantes, teñen que ser tidos en conta porque así o di unha sentenza do Tribunal Supremo. É dicir, que estes informes que avalan a mina, elaborados polas consellerías de Medio Ambiente, Industria e a Confederación Hidrográfica van ser transcendentais a hora de concede-la licencia a Mina de Feldespatos.

Informes parciais e incompletos

A plataforma finalmente recolleu preto de 2000 alegacións individuais, e presentarónse outras a título de asociacións, sindicatos, agricultores e gandeiros. Nestas alegacións falouse das consecuencias para a saúde das persoas, os riscos sociodemográficos que ademais foron temas que se lle comentaron aos responsables da Xunta e se lles deixou constancia por escrito rexistrado nos seus correspondentes despachos. Iso só quere dicir que ben esquecéronse do que lle transmitiron os representantes da veciñanza ou que non lles interesou metelos nos informes.

A medias tintas

O informe de Medio Rural, que podía tombar de remate a tolemia que a Empresa Minercer SL, coa connivencia das consellerías de Industria, Medio Ambiente e a Confederación Hidrográfica, quédase a médias tintas. A Consellería que debía ser a principal defensora da veciñanza e garante de que os envestimentos da Xunta, do Estado e da Unión Europea fosen aproveitados e rentabilizados, di que “parece prevalente a agricultura”, non impoñendo con contundencia a prevalencia do agro sobre a actividade mineira. Segundo palabras dos responsables da Plataforma Veciñal “a consellería de Medio Rural tiña que pecha-las portas e non deixar dúbidas de que esta veiga é unha zona agrícola, non mineira”

A mina ou nós

210 persoas viven en exclusiva do agro nesta veiga. Outras tantas benefícianse das anteriores na industria paralela (talleres, almacéns, servizos técnicos, fitoagrarias…).

Estes informes pretenden bendecir un desaloxo forzoso do que é noso, do pagamos coa nosa suor, e que nos pretenden sacar das nosas mans con expropiacións forzosas ao prezo que eles marquen, é dicir, que a Xunta avala este roubo. Por elo a veciñanza vai poñer toda a carne no asador e defender o que é seu, sen violencia a diferencia dos que nos atacan e nos queren quitar o que é noso.

Mais información sobre este proxecto de mina na sua web Cornodomonte.wordpress

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada