1 feb 2013

Denuncian ao xuíz Vázquez-Taín por “revelación de dados” nos medios sobre o ‘Caso Códice’

Recollemos da web da "Candidatura do Povo":

Onte (por antonte 30 de xaneiro), por volta das 17:00 h., saia en liberdade provisoria do cárcere de Teixeiro, despois de seis meses preso, o ex operario da Catedral de Compostela e presunto autor do roubo ou desaparición do Códice Calixtino, Manuel F. C.

A excarceración veu acompañada dunha unánime campaña de criminalización e xuízo mediático, chegando distintos medios como a TVG ou Compostela en la Onda, do grupo Onda Cero, que habitualmente falan de presunción de inocencia no caso de cargos políticos corruptos, a publicaren o enderezo particular do ancián imputado.

Este deberá personarse semanalmente no xulgado nº 2 de Compostela, segundo ordena a Audiencia Provincial, que é tamén quen ditamina a súa excarceración, á vez que se lle retira o pasaporte, con proibición expresa de abandonar o Estado. Valora agora o organismo xudicial que a permanencia en prisión de Manuel F. C. xa non pode xustificarse en base á preservación de probas do caso, porque esta “xa non pode contemplarse como razón xustificadora”.

Brutal presión mediática e irregularidades no proceso

A noticia foi a excarceración, mais o cúmulo de irregularidades procedimentais do polémico caso que hoxe (por onte) denuncia Carmen Ventoso, avogada de Manuel F. C., en El Correo Gallego (leer no enlace ou ao final da notícia), tamén merecerían o seu destaque nun panorama informativo menos dado ao sensacionalismo fácil e á marcial unanimidade mediática na construción do relato fácil sobre a desaparición do Códice Calixtino, que exculpa de responsabilidades ás autoridades eclesiásticas, autonómicas, estatais e municipais.

Así, Ventoso critica, por exemplo, que os escritos que presenta “non chegan á Audiencia Provincial” e denuncia que nengunha das duas queixas contra o xuíz instrutor José Antonio Vázquez-Taín, con máis de 500 documentos presentados para demostrar que retrasou resolucións e paralisou apelacións dentro do proceso, chegou aínda á Audiencia Provincial a pesar de teren sido enviadas o día 28.

Graves acusacións contra Vázquez-Taín

O xuíz instrutor do caso é unha personaxe mediática ligada no seu día á “loita contra a droga” e coñecida cos desmedidos apelativos de El Garzón Gallego ou El Robin Hood de Vila Garcia. Segundo Ventoso, Vázquez-Taín, que aumentou considerabelmente a súa fama con este caso grazas á proxección mediática que lle supuxo e á publicación dunha novela relacionada, tería cometido “un delito de revelación de dados” xa que o xuíz estivo a facer unha tour de declaracións en distintos medios e cadeas de TV, cando o proceso aínda estaba a sometido a secreto sumarial.

Declaracións da avogada Carmen Ventoso a "El Correo Gallego":

A letrada de Manuel F.C presentou o pasado día 28, luns, duas queixas contra o xuiz que instrue a causa, José Antonio Vázquez Taín, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. A letrada aportou máis de 500 documentos con os que trata de acreditar que o xuiz instructor do caso retrasou as resolucions e paralizou as apelacións. Neste sentido, Carmen Ventoso criticou que "nengún dos recursos" presentados por ela "fosen aínda cursados à Audiencia Provincial".

A avogada tambén denuncia que non se respostara à sua solicitude de nulidade das gravacións efectuadas na Catedral de Santiago. Carmen Ventoso solicitou ademáis a nulidade das declaracións do acusado "polo trato que recebeu nos interrogatorios durante a instrucción do sumario", e a sua liberdade por detención ilegal, ao terse "superado as horas, ao que tampouco recebeu contestación, e criticou: "Se eu fago escritos o de seu é que me dean a razón ou que non, pero teñen que chegar à audiencia provincial".

Ademáis de por estas razóns, a defensa de Manuel F.C. tambén presentou o luns unha queixa ante o TSXG polo que considera un "delito de revelación de dados por parte do xuiz instructor", dado que, segundo consta na documentación aportada, Vázquez Taín relatou en varios medios cuestións relacionadas con o procedimento cando este aínda se encontraba sometido ao secreto sumarial.

As queixas da letrada Carmen Ventoso sumanse às denuncias que no seu día realizara o propio Manuel F.C., a título persoal, ante a máxima instancia de goberno da xudicatura o "Consejo General del Poder Judicial" contra o xuíz Vázquez Taín polo que considerou un "trato vexatorio" durante o proceso de toma de declaración. Manuel F.C. presentou as grabacións nas que o xuíz instructor Vázquez Taín non só lle tratou con desprezo senon que incluso chegou a insultarlle.

Notícia colada por Edu

No hay comentarios:

Publicar un comentario