25 ene 2013

STOP TORTURAS A LAMA E TEIXEIRO

Remitimos o comunicado chegado ao noso correo desde AFAPP (Asociación de Familiares e Amigxs das Persoas Presas)ao respeito das últimas constataciones de casos de tortura en A Lama e Teixeiro:

Xs familiares, amigxs e persoas solidarixs coas persoas presas temos coñecemento de que no módulo XV e no módulo XIV do CP A Lama estánse practicando de forma sistemática Torturas e Malos Tratos ás persoas clasificadas en Primeiro Grado. Concretamente a M.T.F. levan esposándoo varias semanas á cama boca abaixo, provocando que se faga as súas necesidades por riba, momento no que os vixiantes aproveitan para lanzarlle cubos de auga fría ríndose del e humillándoo. Tamén nos consta que esta persoa foi agredida así como o foron outras persoas presas.

Nos derradeiros meses se tivo constancia de numerosas agresións e torturas no CP A Lama e CP Teixeiro, son numerosos os casos de persoas presas que denuncian ter sido vítimas de malos tratos e episodios de violencia dirixidos polos funcionarios.

Existe un alto grado de impunidade ante as agresións que cometen os vixiantes, da mesma forma que ocorre coas forzas da orde no exterior, como quedou evidenciado en numerosas ocasións. As persoas presas son sometidas a fortes presións para que non denuncien, se lles ameaza con perder “beneficios penitenciarios”, con ser afastadas do seu lugar de orixe e familia, ser denunciadas e sancionadas. Nos casos nos que a persoa agredida se atreve a denunciar recibe coaccións, intimidacións e será denunciada por agresión, non acatar ordes, etc. Se mantén a súa actitude e non retira a denuncia, o procedemento corrente como forma de castigo cara a persoa agredida e a súa familia é a dispersión. Por último, se a persoa presa supera todas estas presións e mantén a denuncia, é probable que a denuncia sexa arquivada e nunca se realice unha investigación, e en caso de que finalmente se realice un xuízo será probablemente a persoa agredida a sancionada. Aínda así, hai persoas presas que afrontan o medo e arriscan as súas vidas para denunciar estas agresións.

Contra istes feitos se presentou denuncia, esperamos que os Xulgados de Vixiancia Penitenciaria de Pontevedra investiguen e solicitamos a presenza dun médico forense de forma inmediata.

PRIMEIRO GRADO E ILLAMENTO

Á falta de actividades formativas e educativas podemos sumar as deficiencias estructurais así como unha pésima atención médica, todo isto sumado á ansiedade e ós desequilibros que provoca estar pechadx nunha habitación illadx durante 20hs ó día, prácticamente a escuras e sen ningún tipo de distracción.

Convén lembrar que no ano 1996 creóuse o réxime FIES (Fichero Interno de Especial Seguimiento), a través da instrucción nº 21/1996 da Dirección General Penitenciaria. Dito réxime foi denunciado en innumerables ocasións por asociacións que loitan en defensa dos Dereitos Humanos, por persoas presas e familiares. Finalmente en outubro do ano 2000, “Madres Unidas Contra la Droga” interpuxo un recurso ante o Ministerio de Interior para que deixase sen efecto a instrucción 21/1996. Nove anos despois unha sentenza do Tribunal Supremo recoñecía a nulidade de dita instrucción. 15 anos de réxime de illamento ilegal.

Sen embargo, o Ministerio de Interior fortaleceu xurídicamente este ficheiro de control e illamento, trala reforma do Reglamento Penitenciario efectuada por Real Decreto de 25 de marzo de 2011 (http://www.boe.es/boe/dias/2011/03/26/pdfs/BOE-A-2011-5463.pdf), sendo Vicepresidente Primeiro do Goberno e Ministro de Interior Alfredo Pérez Rubalcaba.

O Comité Contra a Tortura da ONU manifestou a súa preocupación polas persoas presas clasificadas en Primeiro Grado, ao considerar as súas condicións materiais de encarceramento, especialmente a privación sensorial que sofren, como TORTURA PSICOLÓXICA.

"El régimen cerrado representa el fracaso del sistema penitenciario, de la reeducación y reinserción del preso. Es un sumidero. Un sistema que destroza al individuo. El interno que pasa amplios periodos de tiempo aislado desarrolla trastornos de difícil solución. Pierde el control de su vida, la capacidad de relación, los lazos familiares y la autoestima; se convierte en un ser apático, ansioso, desorientado, con una sexualidad alterada... (J.Rodriguez. El Pais 18/09/2011)"

Por todo isto ESIXIMOS:

*Ao director do Centro CP A Lama, Álvaro Nuevo García, que tome medidas para deter inmediatamente as agresións e torturas que se están sucedendo no interior do Centro Penitenciario, colaborando coa xustiza e asegurando un proceso transparente.

* Ao Xulgado de Vixiancia Penitenciaria de Pontevedra, institución encargada de velar polo respecto dos Dereitos Humanos das persoas presas:

- Que se curse e investigue a denuncia interposta por presunto delito de Torturas, Trato Degradante e Lesións.

- Que reciba declaración en sede xudicial a Don M.T.F.

- Que Don M.T.F. sexa recoñecido por un médico forense.

- Que se reciba declaración en sede xudicial das testemuñas.

O réxime de Illamento e Primeiro Grado supoñen unha abominación para calquera sociedade que pretenda defender os Dereitos Humanos, o peche e illamento como castigo de forma sistemática, alleo a calquera concepto cercano á reinserción ou educación. Organizacións e institucións o denuncian constantemente pero o goberno non escoita e non desexa afrontar iste problema.

Consideramos completamente inapropiada e inxustificada a reforma do Reglamento Penitenciario efectuada por Real Decreto de 25 de marzo de 2011, nun momento no que as sociedades demandan maior transparencia dos gobernos e non fortes medidas represivas cara a poboación empobrecida.

Non podemos consentir que o Estado ampare estas prácticas aberrantes, é preciso comezar un debate social sobre a forma en que se está desenvolvendo a política penitenciaria e xudicial. A xustiza é completamente allea aos intereses das persoas comúns, sendo claramente unha ferramenta en mans das mesmas persoas que lexislan leis e decretos con total escurantismo.

Cuestionamos públicamente a función que cumpren os cárceres, e consideramos preciso comezar un proceso de axuda e comunicación coas persoas presas para que estas poidan falar con liberdade, sen medo a ser sancionadas e incomunicadas.

É necesario acabar co Réxime de Illamento e a práctica da Dispersión, debemos unir forzas para dar un primeiro paso na transparencia dentro dos Centros Penitenciarios. Se lles debe garantizar a tódalas persoas presas a posibilidade de expresarse e non vivir sometidas a un réxime de terror e medo constante.

En Badajoz, Valencia, Valladolid, Ciudad Real y Cantabria pecháronse os módulos de illamento de numerosos cárceres, negando á institución a posibilidade de clasificar a internos en réxime de illamento durante periodos prolongados, sendo este exclusivamente unha medida de castigo para cumplir sanción concretas, NUNCA un réxime que se pode prolongar durante meses ou anos.

Gústenos ou non a xustiza non representa nin serve aos intereses da poboación, vivimos nunha sociedade na que cada día que pasa avanzamos máis cara formas de goberno ditatoriales. Se non freamos esta tolemia non haberá moito que contar.

DERROGACIÓN DO REAL DECRETO 25/3/11

BASTA DE TORTURAS E MALOS TRATOS, BASTA DE ILLAMENTO E DISPERSIÓN

No hay comentarios:

Publicar un comentario