24 ene. 2013

Rodrigo Lanza: Pasei 5 anos no talego por unha montaxe policial-xudicial con compoñente racial

Este mozo, nunhas declaracións ao xornal dixital Público, atribúe a súa condena ás mentiras de tres gardas urbanos de Barcelona que o torturaron e o responsabilizaron dunha pedrada que non lanzou. Asegura que no calabozo o golpearon mentres lle berraban: "Pinochet debíavos ter matado a todos". Copiamos, traduzimos e colamos as suas declaracións:

Rodrigo Lanza (Viña do Mar -Chile-, 8 de novembro de 1984) explica que en España a xustiza "brilla pola súa ausencia", tras cumprir a finais de decembro cinco anos de cárcere polo que considera unha montaxe policial da que foi vítima por parte do polémico grupo antidisturbios da Garda Urbana de Barcelona.

Nun enfrontamento entre mozos e axentes, na madrugada do 4 de febreiro de 2006, xunto a unha casa 'ocupa' de Barcelona onde se desenvolvía unha festa, un garda quedou tetrapléxico tras golpearse na cabeza. Segundo os axentes, Lanza tiroulle unha pedra á cara que provocou que perdese o coñecemento e caese cara a atrás, ocasionándose a lesión ao dar contra o chan.

Lanza sostén que non tirou ningunha pedra, e recorda que o entón alcalde de Barcelona, o socialista Joan Clos, de quen dependía a propia Garda Urbana, revelou publicamente que a hipótese da lesión do policía é que lle caera un testo dende unha ventá. Ata tres médicos descartaron a hipótese da pedrada na cara, tanto porque o ferido non tiña sinais na fronte, coma pola forma da caída, que non puido producirse tras un esvaecemento.

O mozo cre que houbo un "compoñente racial" determinante na súa detención, que se uniu a que os policías necesitaban un ' cabeza turco' ao que acusar das lesións sufridas polo seu compañeiro. Rodrigo denuncia que foi torturado primeiro pola Garda Urbana, onde lle berraron, ao tempo que lle golpeaban, "sudaca de merda" e "Pinochet tíñavos que ter matado a todos", como posteriormente polos Mossos d'Esquadra, que se fixeron cargo da investigación dos feitos.

Lanza amplía as súas queixas á actuación da xuíz de Instrución de Barcelona (o titular do Xulgado número 18) que arquivou as súas denuncias de torturas tras pedirlle que identificase os que o golpearan nun folio en branco e negro con ata 32 rostros. Tampouco ten bo recordo dos asistentes sociais e titores do cárcere, aos que achaca que lle premeron para confesar os feitos a cambio de beneficios penitenciarios. O resultado foi que pasou catro anos en segundo grao --réxime pechado-- e só o quinto ano en terceiro grao, que lle permitía ausentarse polo día da prisión..

"Crin que estas cousas só pasaban nas películas de Hollywood, pero decateime que non", explica con tranquilidade este mozo que durmiu a súa última noite en prisión o pasado 28 de decembro. O seu único bo recordo son os seus compañeiros de cárcere, cos que non tivo problemas: "O cárcere está cheo de pobres que dubido que sexan responsables dos grandes roubos que se están a producir en España".

O tempo comezou a dar algunha vitoria moral a Rodrigo. A semana pasada, o Tribunal Supremo confirmou dous anos e tres meses de cárcere, e inhabilitación de oito anos e tres meses, a dous gardas urbanos de Barcelona que golpearon e vexaron un mozo --de Trindade e Tobago-- con quen un deles discutira nunha discoteca. Un dos condenados, Bakari S. D., é sinalado por Lanza como un dos axentes que lle torturaron a el.

O mozo lamenta que "as persoas que deberían protexer ao cidadán" sexan "a grande ameaza" para o cidadán. Non sei se a isto se lle pode chamar democracia".

Esta é a conversación que Rodrigo, actualmente residente en Zaragoza, mantivo con Público:

Pregunta: Porqué estiveches en prisión?

Resposta: Sígomo preguntando. Pola declaración de tres policías que mentiron, e porque había un policía ferido e necesitaban un culpable, un cabeza de turco. E por ser sudamericano. Houbo un compoñente racial moi grande, que non foi casual.

Como foi o trato en prisión? (Rodrigo estivo primeiro dous anos preventivo no cárcere da Trindade, e despois outros tres --o último en terceiro grao-- en Quatre Camins)

Por parte de funcionarios e carcereiros, non moi bo. A vida en prisión ten altibaixos como a de fóra, pero cos outros presos nunca me sentín en perigo. Os peores momentos vivinos con asistentes sociais (algúns deles antigos policías ou carcereiros) ou titores, que me propoñían aceptar os delitos para conseguir beneficios.

Porqué crees que non se tivo en conta a declaración do alcalde sobre a causa das feridas ao axente?

Porque tivese demostrado que uns policías mentiran baixo xuramento. Os xuíces non investigaron a fondo porque tivesen saído moitas neglixencias e, en definitiva, a corrupción policial.

E os informes médicos?

Ata tres informes médicos sinalaron que era biomecánicamente imposible que a lesión do policía a tivese causado unha pedrada na cara, xa que non tiña ferida na fronte, e a lesión no óso da parte de atrás da cabeza que rompeu non puido ser provocada nun esvaecemento, xa que era un impacto forte. Ningún médico o pode crer. Ou foi un obxecto lanzado dende arriba con moita forza, ou un golpe directo. Pero o xuíz non creu eses informes.

A que atribúes esa actitude da xuíz?


Pensaba que estas cousas eran de película de Hollywood, pero xa sei que non é así. Un xuíz non vai xulgar sen importarlle quen caia. Vai mandar ao latinoamericano ao cárcere antes que aos policías que menten ou que chamar a declarar ao alcalde.

Cando che torturaron?


Primeiro na comisaría da Garda Urbana de Las Ramblas. Pegáronnos (a min e a outros dous detidos, Alex e Juan), entre outros, o mulato, Bakari, que me berraba: 'sudaca de merda', 'chileno de merda' e Pinochet debíavos ter matado a todos'. Tivemos que ir ao hospital polos golpes, e logo leváronme á comisaría dos Mossos d'Esquadra de Les Corts. E alí tamén nos torturaron.

Que pasou coa denuncia de torturas?

Recaeu nesta xuíz (do Xulgado 18) que instruíu a outra causa. Arquivou a denuncia por falta de probas. Foi esta xuíz que me dixo que non ía crer a miña versión nin a de mil como eu antes que a dun policía.

Cres que os feitos do 4-F formaban parte dunha estratexia policial ao movemento ocupa?


Non é un segredo que a Policía non simpatiza co movemento ocupa. Máis ben, aproveitaron este caso, e coa escusa de que os detidos eramos ocupas --á parte de violentos sudamericanos antisistema, segundo eles--, desaloxaron 15 casas ocupas en Barcelona.

Cres que en España hai xustiza?


En España, a xustiza brilla pola súa ausencia. Trátante dependendo da túa clase social, se es político ou non. Se é alguén que rouba millóns de euros, dinlle cando o deteñen: 'Señor acompáñeme'. Se é un xitano que rouba un coche, primeiro danlle unha malleira brutal e logo méteno tres anos de cárcere. Non hai equlibrio.

Ou sexa que se xulga segundo o estrato social?

Si. O cárcere está cheo de xente pobre, e dubido que sexan eles os responsables dos grandes roubos que se producen en España, nin dos delitos en xeral.

Ti experimentaches falta de control contra os excesos policiais?

Non hai control fronte a eses excesos, xa que a denuncia se produce ante a mesma Policía á que pertencen os torturadores. Non a outra autoridade. As persoas que deberían protexer o cidadán, son a grande ameaza para o cidadán. Non sei se a isto se lle pode chamar democracia.

Porqué crees que se suicidou Patricia Heras (condenada a tres anos de cárcere polos sucesos do 4-F e que se quitou a vida durante un permiso en abril de 2011)?

É o único tema do que aínda non quero falar. Só Patricia sabe porque o fixo. O cárcere afectoulle brutalmente. Era unha persoa moi sensible.

Estás en proceso de pasar páxina?

Eu vou pasar páxina. Pero non quero esquecer, por Patricia tamén, e pola xente que estivo ao meu lado. Non quero estar traumatizado por esta situación, pero é a miña vida, e quero ser consciente do meu pasado e contárllelo aos meus fillos. Ademais, quero reabrir a miña denuncia de torturas, e estudo recorrer a Estrasburgo, aínda que é caro e eu aínda non rematei de pagar o meu avogado.

Tes ademais pendente a indemnización ao policía ferido?

Condenáronme a pagarlle unha indemnización de máis de 1,5 millóns de euros. Na parte final da miña condena pagáballe 200 euros ao mes, porque era condición para o terceiro grao. Agora estou a cobrar o paro.

Tiveches contacto coa súa familia?

Non. Lamento que a súa familia o pase mal, pero non lle tirei a pedra e non lle fixen nada. Son os seus compañeiros os que deberían terse preocupado máis por encontrar o culpable.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada