31 oct 2012

Entanto fai-se pública umha sentência absolutória por fotografar actuaçons policiais, um moço recebe umha malheira policial por filmar umha sua actuaçom

Notanto de coñecer este video-denuncia dun afecionado do futebol de ter sido brutalmente golpeado por antidisturbios por estar gravando a actuación policial ao remate do partido entre Celta e Depor; soubemos por Esculca destoutra notícia recollida en Rebelion na que o xulgado de Instrución nº 2 de Segovia resolveu a favor dunha fotógrafa a denuncia da Garda Civil que alegaba "razóns de seguranza cidadá" e a acusaba de vulnerar o dereito á intimidade de varios axentes por fotografar as súas actuacións durante a Marcha de Parados ao seu paso polo túnel de Guadarrama camiño a Madrid.

A sentenza do Xulgado de Instrución nº 2 de Segovia argumenta que pode fotografarse unha actuación policial se a finalidade é lexítima entendendo por tal, segundo doutrina do Tribunal Constitucional, supostos de relevancia pública ou casos en que a gravación pretenda evitar ou descubrir feitos delituosos, sen que "as limitacións policiais a estes dereitos por 'razóns de seguridade cidadá' sexan tan amplas", como arguía o oficial da Garda Civil denunciante.

Así mesmo arguméntase a irrelevancia penal dunha eventual orde policial para que a fotógrafa deixase de facer fotos, por posible vulneración da intimidade dos axentes actuantes, pois ese "ataque á intimidade non se produciu aínda, senón que o requirimento é preventivo e previo a unha ulterior actuación que non se produciu no momento do requirimento".

Durante o xuízo o oficial da Garda Civil decidiu manter a acusación a pesar de que a Fiscal pediu a absolución, ao non apreciar norma ningunha que obrigase a fotógrafa a entregar a súa cámara ao oficial para que este visionase as fotos e borrase as que estimase "comprometedoras".

O avogado defensor pediu a absolución para a fotógrafa ao estar esta exercendo o dereito fundamental a comunicar (e recibir) información veraz por calquera medio de difusión (art. 20, 1 d) da Constitución), e a Sentenza núm. 6/1981 do Tribunal Constitucional, que di claramente que deste dereito fundamental gozan todos os cidadáns, non só os profesionais da información.

A sentenza fai así mesmo un interesante excurso sobre a lexitimidade dos axentes da autoridade nun estado democrático de dereito, onde "non toda orde emanada dun axente das FCSE debe ser acatada cegamente en prol do principio de seguridade", debendo ser analizada "en cada caso cando un cidadán non se enfronta violentamente nin se nega inxustificadamente a obedecer unha orde senón que a discute de modo pacífico e polo menos racionalmente fundado", lembrándonos así mesmo que o estado de dereito constrúese mediante a vinculación de todas as persoas públicas e privadas á lei, onde esta ten por obxectivo o recoñecemento e tutela dos dereitos fundamentais.

En opinión do avogado defensor, "estamos ante un suposto de arbitrariedade e abuso policial que simplemente esta vez non lles saíu ben, mais en moitas ocasións as actuacións policiais impiden o exercicio de dereitos fundamentais básicos, como o de reunión ou manifestación, ou a liberdade de expresión e información, dereitos que son esenciais para a participación dos cidadáns nos asuntos públicos, polo que actitudes como a de Tamara, que vén fotografando e informando de toda esta actividade cidadá desde maio de 2011, son simplemente admirábeis e dignas de seren protexidas e mesmo promovidas, animando a todos os cidadáns a converterse en informadores dos demais usando os seus cámaras, móbiles, etc?.

1 comentario:

  1. Enhorabuena por la información y por el vídeo, que lo hemos colgado en nuestro blog cna-m.blogspot.com Salud y anarkía.

    ResponderEliminar