2 jul. 2012

O máster dun madeiro sobre a okupación en Barcelona

Non hai moito tempo que tivo certo eco polos medios antagonistas e contrainformativos o traballo final do Máster en Políticas Públicas de Seguridade de David Piqué i Batallé, Coordinador Rexional dos Mossos de Escuadra. O esclarecedor título do devandito traballo é "O fenómeno okupa / antisistema circunscrito ao distrito de Gràcia (Barcelona), como factor de riesgo para a convivencia e potencial foco de percepción de inseguridade. Políticas públicas de seguridade aplicables para evitar que se converta nun problema de orde pública o delincuencial e consecuentemente de solución únicamente policial"; o seu non menos revelador subtitulo é "A Síndrome de Sherwood".
Pois ben, aínda que o contido do devandito traballo está especificamente referido a Barcelona, máis concretamente ao “okupísticamente” popular barrio de Gracia ("Sherwood" para o noso "mosso”), consideramos sumamente interesante compartir as reflexións deste alto cargo policial sobre os métodos para o combate do "fenomeno okupa"... ou máis ben para a súa domesticación, como máis tarde veremos.
O texto, que se fai tan longo como o seu título, comeza cunha pormenorizada disección do "movemento okupa" e "antisistema" en Barcelona e no mundo, analizando dende unha óptica policiaca a distribución ideolóxica, sociolóxica, física e os demáis académicos aspectos do tema en cuestión. Cousa na que non nos pararemos demasiado porque, máis alá da curiosidade morbosa que poida darnos saber como ve estes asuntos un membro das forzas da orde, son todo cousas por nós máis ou menos sabidas e a súa repetición aburriría ata ás cabras.
Tamén pasaremos por riba das políticas que este suxeito xulga erróneas para afrontar o fenómeno, e das súas disquisicións sobre o correcto uso do mando e a vontade política de resolver as cousas. Porque, agás a él, non creo que estas cousas lle importen a ninguén , e moitísimo menos a nós… e menos aínda, se cabe, aos políticos aos que van dirixidas.
En canto ás estratexias para combater o fenómeno okupa, limítase a corroborar o fracaso tanto dos métodos de "tolerancia cero" coma de "tolerancia máxima". Perdéndose un pouco polas ramas á hora de esbozar a súa propia teoría particular, contando as súas experiencias de viaxe por Christiania e facéndonos a nós viaxar por Quebec, Nova York, Zürich... e polos cerros de Ubeda; andando con voltas sen que quede en ningún momento claro a onde quere chegar.
Máis interese espértannos as catro tácticas que este suxeito debulla como métodos de interese para encarar a okupación e aos seus supostos promotores, os "antisistema". Aínda que adaptadas a época actual, todas elas saen da teoría militar clásica, e él identifica a cada unha delas cun coñecido estratega. Tácticas que a nós nos veñen máis a conto porque, como máis dun se decatará, son as que a miúdo padecemos:
-A primeira, que este home relaciona cun tal Von Klausewictz (coñecido, ao parecer, por opinar que ao inimigo hai que vencelo sen humillalo), ten por fin máis ben obrigar o "inimigo" a negociar á baixa, ou sexa sometelo, que efectivamente derrotalo.
É a táctica que adoitan empregar nos desaloxos, cortando mediante a sorpresa e a velocidade a capacidade de resposta activa a estes, pero evitando a provocación e o asañamento (ou iso é o que di este suxeito). O papel da "información" (espionaxe) é imprescindible para identificar e inmobilizar os "líderes" e para imposibilitar respostas "heroicas" (¿?).
No que ás protestas e mobilizacións na rúa se refire, esta táctica pasaría pola creación de filtros policiais nos accesos as mesmas. Desta forma os manifestantes serían identificados e desarmados mediante controis e cacheos. Permitiríase a protesta pero "minimizando a súa capacidade de causar dano", o efecto psicolóxico do control esaxerado unido á perda do anonimato conseguirían un efecto disuasorio sobre os participantes, mentres que as requisas de obxectos "perigosos" minguarían a capacidade de reacción "violenta" durante o evento.
Unha vez comezado o percorrido da manifestación os madeiros colocaríanse estratexicamente nos lugares máis sensibles, de tal xeito que en todo momento sexan vistos polos participantes, e bloqueando os lugares máis susceptibles de ser vandalizados. Deteríase calquera que danase a propiedade pero sería posto rapidamente en liberdade, evitando en todo momento o asañamento.
Esta táctica só é aplicable nunha correlación de forzas moi favorable para a policía, de non ser así, para conseguir os mesmos resultados terían que usar metodos máis "agresivos".
- A segunda táctica relaciónaa con Sun Tzu, o xeneral chinés do ano da pataca que preconizaba que hai que gañar as batallas sen combater. O asunto sería parecido á tactica anterior, con férreos controis nos accesos á protesta, só que nesta ocasión se rodearía completamente a manifestación. Así os tempos e o percorrido serían controlados completamente pola policía provocando nos asistentes unha sensación de frustración e impotencia. Non se permitiría aos participantes saír en grupos, para evitar reagrupamentos fóra das liñas policiais, e a súa dispersión sería sempre lenta e paulatina.
En protestas en espazos abertos a tactica sería a do "embolsamento", rodeando os participantes cun círculo policial que impedise o movemento; mentres que en lugares angostos, máis favorables aos manifestantes, se lles permitiría discorrer "escoltados" por cordóns de antidisturbios. Nas rúas estremeiras numerosos grupos de "secretas" impedirían a actuación de "incontrolados" que se desmarcasen do groso da manifestación.
Esta táctica, bastante empregada últimamente, consistiría en impedir os disturbios sen ter que combatilos.
-A terceira táctica esta baseada na dun samurai xaponés chamado Miyamoto Mushasi, que por certo que tiña que ser un bastardo de moito coidado, e consiste na aniquilación total do inimigo.
Nada que non saibamos, a provocación do rival e a permisividade inicial absoluta cara aos excesos do contrario, co fin de xustificar a actuación máis contundente e agresiva que se prepara para despois. Trátase de asegurarse a compracencia da opinión pública ante a actuación policial polos desmandos dos manifestantes. Para iso, se fose necesario caldear o ambiente, realizaranse previamente humillantes detencións e redadas desproporcionadas que faciliten o clima de tensión. Unha vez na protesta, permitiranse e alentaranse os estragos mantendo fortes concentracións de efectivos policiais fóra da vista dos manifestantes. Cando os danos provocados sexan socialmente inaceptables é cando comeza a carga policial, que non trata de disuadir, se non máis ben de atacar con todo o que ten contra o groso de manifestantes sen ningunha clase de distinción. Malia que os integrantes da protesta se están a defender do ataque policial, a sensación será de que é a policía a que se defende dos vándalos. As cargas deben ser contundentes e as detencións indiscriminadas e abundantes.
Malia que o autor da tese non recomenda especialmente esta táctica, si que afirma que está amplamente estendida e que ten recentes e próximos expoñentes.
- A última táctica que destaca este suxeito na súa tese adxudicalla a Julio Cesar e a súa conquista das Galias. Ao parecer o exercito galo era moi numeroso, polo que Cesar se viu na obriga de descubrir mediante espionaxe as aspiracións de moitas das diferentes tribus galas para compralas mediante prebendas e privilexios, mentres que ás máis belicosas se dedicou a exterminalas militarmente unha vez estiveron illadas e divididas das súas veciñas. O "divide e vencerás” de toda a vida.
A extrapolación desta táctica á realidade disidente da actualidade é tan evidente como predicible: fomentar as disensións entre as numerosas correntes antisistemicas para evitar custe o que custe que fagan causa común. Pactar cos máis moderados a concesión dalgúns privilexios mentres se aplica o garrote contra os irredutibles, amparada a administración polo silencio cómplice daqueles supostos contestatarios que xa cobraron as súas 30 moedas de prata.

Presentados estes exemplos tácticos, este responsable policial catalán pasa a elaborar unha estratexia máis global para o combate (ou domesticación, reiterámonos) da okupación.
Esta estratexia pasaría por unha primeira fase de sensibilización social, na que o tipo este non ten empacho ningún en suxerir a manipulación por parte do ministerio de interior dos medios de comunicación para crear unha opinión publica hostil á okupación de vivendas. Para iso daríase ampla difusión a aquelas noticias que máis puidesen denigrar o fenómeno da okupación, aínda que estas non estean directamente relacionadas co movemento okupa.
Na segunda fase o debate pasaría ao eido político. Pedindo por unha banda unha maior criminalización da actividade usurpadora, así como un endurecemento penal, mentres que pola outra se pediría un uso social das vivendas deshabitadas (pero, evidentemente, xestionado dende o poder) co que desarmar de argumentos ao movemento okupa. Tamén sería este o momento de illar nas zonas máis emblemáticas a actividade dos okupas (o barrio de Graza nesta tese), por medio da represión policial das actividades fóra do "gueto", así como de asociar ao movemento con actos de vandalismo ante a opinión pública.
Despois chegaría o noxento turno da traizón: as administracións negociarían con aqueles okupas moderados dispostos a transixir coas rodas de muíño do estado (pon como exemplo de "condicións bastante estritas" que os promotores non teñan antecedentes penais nin administrativos pasados ou futuros, ou sexa, que sexan mansos e inocuos cual cordeiros).
Finalmente chegaría a hora do exterminio policial dos que se manteñan fieis aos seus principios e non se deixaran engaiolar polos subornos do poder. Aqueles que non venderan as súas terras por alfaias e contas de vidro veranse sometidos "manu militari" á nova lexislación draconiana. Farán os coros da represión os "rebeldes 2.0" coas súas histéricas condenas da violencia, cómodamente asentados nos seus novos centros sociais consentidos polo poder grazas aos seus bicos de judas e a súa servil compracencia borreguil.

Pois aquí tedes o resumo das partes que nós xulgamos máis interesantes da tese do tiparraco este. Supoño que a moitos de vos, aínda que coido que sen demasiadas sorpresas, vos resultaría interesante ver plasmadas no papel (na pantalla do ordenador máis ben) o que estamos fartos de padecer nas rúas. Espero tamén que a algúns posmodernos rebeldillos de opereta, lles sirva para entender que cando o poder negocia con eles non é pola súa cara bonita, senon como parte dun plan para acabar co movemento contestatario REAL, deixando únicamente a disidencia domesticada que non lles supón ningún quebranto. Só negocian convosco na medida da existencia dun movemento máis radical ca o voso, e as “concesións” que recibides están manchadas pola traición a quen en realidade loita.


Artigo elaborado por C.R.

O máster enteiro o podedes atopar aquí, a onde nós chegamos a través de "Kaos en la red" (aquí).

4 comentarios:

  1. Pode dicirse mais alto, pero non mais claro.

    Gran artigo, e sobre todo, eu persoalmente coido que lle debo os meus parabéns á persoa que editou o devandito texto (referíndome ao de esta nova, non ó do "madeiro estratega"), xa que polo que vexo, leu o máster do señor policía. Eu tentei facelo, pero rematei de mala hostia pasadas unhas cantas follas.

    ResponderEliminar
  2. Um tal Von Klausewictz? O xeneral Sun Tzu "do ano da pataca"?

    Nom gosto nada de esse tipo de expressóns, creo que fam gala de umha ingnorancia mui atrevida. A mim daría-me vergonça deixar tam claro o meu desconhecimento.

    Von Clausewictz, é um importante xeneral prusiano e autor da estrategia militar moderna e Sun Tzu o escritor de "A arte da guerra"

    O dito!

    ResponderEliminar
  3. Son o autor do artigo, lin o Sun Tzu, varias veces, máis non sei cando o escribiron. De Mr. Klausewictz si que non tiña nin idea, pero non sinto ningunha vergoña en recoñecelo. O artigo é unha fiel sintese da tese do tiparraco este, que é o que eu quería facer, e cun chisco de sentido do humor para amenizar o tostón, aparentar coñecementos que non teño, ou darmas de pedante mirando a wikipedia non entraba nos meus obxectivos.
    C.R.

    ResponderEliminar
  4. Tam grave é "darselas de listillo" coma de ingnorante

    ResponderEliminar