A deriva cara ao totalitarismo máis represivo e descarnado continúa a pasos axigantados: se hai pouco o goberno anunciaba a súa intención de equiparar o vandalismo ao terrorismo de baixa intensidade, converter a quen convoque actos nos que logo se produzan disturbios en membros de "organización criminal", e prometía prisión preventiva por cousas que ata agora só se consideraban trasnadas; agora o ministro de interior anunciou que a nova reforma da Lei de Seguridade Cidadá prevé sancións de entre 3.000 e 30.000 euros para os que acudan ás manifestacións con "pasamontañas, cascos, carapuchas ou calquera outro tipo de prenda" coa que ocultar a identidade. A contía da sanción dependerá do dano causado.
Segundo o publicado polo xornal comercial (e facha) ABC, as infraccións leves, ata agora castigadas con ata 300 euros de multa, pasarán a ser castigadas con entre 300 e 3.000 euros; as graves, antes penadas con entre 300 e 30.000 agora pasan a entre 3.000 e 30.000, ou sexa que a sanción mínima por unha infracción deste tipo (por exemplo fumar un porro en público) aumenta en 2.700 euros; e por último as moi graves pasan de ser sancionadas con entre 30.000 e 600.000 a entre 30.000 e 300.000, segundo o avanzado polo mencionado diario do borrador manexado polo ministerio.
Temos que aclarar que todo isto é só no referido a sancións administrativas, ou sexa infraccións que non constitúan un delito penal.
No eido relativo ás protestas, será considerado como falta grave a perturbación da orde pública que non sexa constitutiva de delito (cortar a rúa?, entorpecer o tráfico? facer unha marcha á prisión de Teixeiro?), así como será constitutivo de infracción grave ou moi grave a "desobediencia e a falta de respecto e consideración debida á autoridade ou os seus axentes" (dicir "a policía tortura e asasina"?, permanecer nunha protesta cando un madeiro che diga que te vaias?, negarlle a un picoleto o dereito a levarse o teu carné de identidade á furgoneta?). Tamén será falta grave a ocultación da identidade nunha protesta, como xa dixeramos ao comezo do artigo; deste xeito tapa-la cara nunha mani podería acarrear multas de entre 3.000 e 30.000 euros, en función dos danos causados na protesta.
Como vedes, a cousa se esta poñendo moi dura para con aqueles que disenten dos designios do poder. E o peor é que na súa retorcida retórica pretenden introducirnos nunha sorte de neofascimo en nome da liberdade, a tolerancia e a democracia. Así, Jorge Fernández Díaz, ministro de interior aseguraba que toda esta batería de normas totalitarias é "para garantir mellor o dereito de manifestación e para que os violentos non poidan contaminar o libre exercicio do dereito de reunión e manifestación; é en favor das liberdades e dereitos e en contra dos violentos". Cagate lorito! agora ademais de ir á guerra en nome da paz, que che metan no cárcere pola liberdade e que che impidan protestar pola democracia, despóxannos de garantías para garantir os nosos dereitos.
Noutra orde de cousas, aínda que non menos represivas, esta mesma reforma pretende sancionar como falta grave (entre 3.000 e 30.000 euros) "o consumo ou tenza ilícita, aínda que non sexa destinada ao tráfico, de substancias estupefacientes, psicotrópicas ou drogas en lugares, vías, establecementos ou transportes públicos, así como o abandono dos útiles ou instrumentos empregados ao respecto nos citados escenarios,"; así como a celebración de "botellones" en lugares públicos non autorizados.
Quizais deberiamos recordar que o nazismo se ergueu ao poder en medio dunha democracia, votado dende as urnas e aproveitando unha grave "crise" para implementar as súas políticas racistas e autoritarias. Daquela, cando os "demócratas" se quixeron decatar do que estaba a pasar era xa demasiado tarde... se é que eses mesmos "demócratas" non levantaban o brazo, desfilando ao paso da oca, mentres denunciaban o veciño ás S.S.
Artigo elaborado por C.R. con información da prensa empresarial.
22 may 2012
Multas de ata 30.000 euros por ir encapuchado
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario