26 ene 2012

ESCULCA publica novos relatorios e conclusións ao respeito dos abusos cometidos en episodios recentes


A continuación reproducimos tres relatorios presentados o pasado día 24 por Esculca (Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades) sobre tres episodios recentes dos que denuncian graves abusos dos poderes públicos. Os informes centráronse no desaloxo da Sala Iago (23 de novembro), a última marcha a Teixeiro (18 decembro) e a manifestación de Siareir@s Galeg@s realizada o 23 de decembro, onde membros da asociación se desprazaron para facer o seguimento.
Concretamente estes tres sucesos son os que máis denuncias concentran de seu informes.

Relatorio desaloxo Sala Yago (23/XI)

O relatorio correspondente á intervención policial de desaloxo da Sala Yago presenta características moi semellantes, mutatis mutandis, ás apreciadas no mencionado caso barcelonés. O traballo de observación, documentación e análise puxo de manifesto irregularidades preocupantes no comportamento policial: a) manifesto exceso no uso da forza, na medida en que tal conduta coercitiva non se sustentou nin na necesidade nin na proporcionalidade, criterios da súa admisibilidade legal; polo demais, este exceso repetiuse en diversos momentos posteriores ao desaloxo, espallándose, con ocasión da manifestación da tarde, por múltiplos lugares da cidade; b) innecesario e desproporcionado uso da forza policial fronte a xornalistas e fotógrafos, afectando ilexítimamente o seu dereito á información; c) falta de cumprimento da normativa interna das FCSE (Instrución 13/2007), no referente á identificación visíbel do número profesional dos axentes; d) tratamento dos cidadáns presentes con falta de respecto, chegando a negarse a atender preguntas en língua galega. Asemade, o traballo de elaboración do relatorio puxo de manifesto irregularidades na asistencia prestada a unha persoa ferida pola actuación policial, cando o médico correspondente denegou a asistencia en condicións, alén de non observar o dereito á intimidade da paciente.

Como consecuencia deste traballo, Esculca vai solicitar á Delegación do goberno que abra unha investigación para depurar as responsabilidades dos axentes intervintes. Alén diso, Esculca vai presentar unha denuncia na inspección médica, e no propio colexio de médicos, para depurar as posibles responsabilidades do facultativo que denegou a asistencia á manifestante ferida.

Relatorio concentración C.P.Teixeiro (18/12/2011)

A concentración celebrada o 18/12/2011 diante do C.P, de Teixeiro (Paradela), en solidariedade coas persoas presas e en protesta polas condicións do cárcere, careceu dos incidentes de emprego da forza policial que se manifestaron no suposto anterior. Non obstante, o traballo de observación e análise desenvolvido polas equipas de Esculca puxo de manifesto irregularidades non menores: a) falta de cumprimento da normativa interna das FCSE (Instrución 13/2007), no referente á identificación visíbel do número profesional dos axentes; b) exceso manifesto no dispositivo policial despregado, cun cuestionábel emprego de recursos públicos escasos; c) actuación irregular dun individuo identificado polo seu uniforme como funcionario de II.PP. que, sen que o dispositivo policial ali presente o impedise, realizou funcións de control e captou imaxes de manifestantes desde o exterior do edificio do Centro Penitenciario.

Nas conclusións do relatorio, EsCULcA demanda que sexan tomadas as medidas que correspondan contra este funcionario de II.PP. cuxa actuación non pode ter amparo na LEI ORGÁNICA 4/1997 DE 4 DE AGOSTO, que limita o rexime de autorizacion de captación de imaxes ás forzas e corpos de seguridade do estado (art.5).

Por outra parte, e toda vez que varios axentes da Garda Civil captaron imaxes con video-cámaras móbiles no decurso da concentración, EsCULcA solicitou da Delegación do Goberno copia da autorización para realizar esta tarefa. A Delegación contestou afirmando que existia autorización mais sen entregar a copia solicitada.

Relatorio manifestación Siareir@s Galeg@s (23/XII)

Tampouco na manifestación que Siareir@s Galeg@s realizou no concello de Teo o 23/XII se produciron incidentes de emprego da forza policial como os asinalados no relatorio do desaloxo da Sala Yago. No entanto, tamén neste caso, o traballo de observación e análise desenvolvido polas equipas de Esculca puxo de manifesto irregularidades non menores: xunto con a habitual falta de cumprimento da normativa interna das FCSE (Instrución 13/2007), no referente á identificación visíbel do número profesional dos axentes e o non menos freqcuente exceso manifesto no dispositivo policial despregado, cun cuestionábel emprego de recursos públicos escasos; neste caso aparecen indicios de que integrantes das FCSE visitaron en datas anteriores á manifestación a cargos públicos do concello de Teo, intimándolles para que cancelasen os permisos concedidos para o desenvolvemento das actividades.

Como consecuencia deste traballo de observación e análise, Esculca vai trasladar ao Delegado do Goberno a necesidade de investigar, en particular, a posíbel realización de intimidacións por parte de membros das FCSE a cargos públicos do concello de Teo.

Conclusións

A avaliación global destes tres relatorios pon de relevo a necesidade de que por parte dos cargos políticos responsables se faga unha valoración sobre a idoneidade de que comportamentos policiais que son claramente unha excepción nos países do noso entorno (excesos no uso da forza, falta de respecto no tratamentos dos manifestantes, incumprimentos na normativa sobre identificación, prohibición do exercicio de dereitos fundamentais por razóns meramente formais, etc.) se estean convertindo na regra no caso galego e español.

O fundamento implícito da normalización desta forma de proceder é que o que está en xogo no desenvolvemento de reunións e manifestación é a protección da orde pública e o control de comportamentos potencialmente subversivos. Este punto de vista, alén de liberticida, é claramente distorsionado, toda vez que do que realmente se trata é do desfrute do dereito constitucional de reunión e manifestación, compoñente fundamental da participación pública, necesario para unha democracia san.

Esculca considera que é responsabilidade da Delegación do Goberno, das anteriores e da presenta, facer esta reflexión. Nese sentido, Esculca está plenamente aberta a contribuír a esa reflexión, abrindo as dinámicas de interlocución que, en tanto que organización de defensa dos dereitos e liberdades, poda poñer en marcha, tamén coa Delegación do Goberno. Non obstante, Esculca non vai agardar a que tal reflexión se produza, senón que, en tanto que expresión da sociedade civil organizada, vai seguir facendo contribucións á garantía deses dereitos fundamentais e, deste xeito, ao lícito desenvolvemento da vida política colectiva.

Compostela, 24/01/2012


Contido completo dos relatorios:

Relatório sobre a ocupaçom da Sala Iago, em Compostela

MAÑÁ DO 23 DE NOVEMBRO

Actuación policial no exterior do edificio da Sala Yago

OBSERVACIÓN DIRECTA

Un elevado número de axentes, que en determinados momentos supera a treintena, establece un cordón que impede calquera aproximación ao edificio da Sala Yago. Varios veículos policiais dificultan a visión da entrada. Os axentes están fortemente armados, con cara e cabeza cobertas. A práctica totalidade con equipamento anti-distúrbios e sen o número de identificación á vista.

Varias persoas fan notar aos axentes a ilegalidade de ocultar a placa identificativa. En todos os casos as respostas son descorteses e non exentas de agresividade.

"Lo llevo aquí" (sinalando o centro do peito). Resposta a un xornalista (J.M.C.) que, despois de ser obrigado a identificarse no momento en que estaba realizando o seu labor profesional, solicita ao axente que lle mostre a placa.
"Vete a preguntar al juzgado". Resposta a J.M.C. e P.A.M. que igualmente solicitan ao axente que mostre o seu número de identificación.
"No te entiendo". Resposta a V.R.G., que se dirixe a un axente en castellano co mesmo propósito.
"No entiendo". Resposta a E.S. (membro de EsCULcA) que se dirixe ao mesmo axente en galego. O axente esixelle que se dirixa a el en castellano e, ante a negativa do membro de EsCULcA, opta por dar media volta e marchar.

Este axente identificouse a si mesmo como responsábel do operativo cando un membro de EsCULcA requereu a sua presenza porque outros axentes se tiñan negado explicitamente a mostrar o seu número de identificación.

Alguns axentes toman fotografias con teléfonos móbeis das persoas congregadas en torno ao cordón policial. Un deles é o xa varias veces mencionado axente que se identifica como responsábel do operativo.

Unha muller que tenta tomar unha fotografía no momento en que saen varias persoas do interior do edificio é empurrada violentamente por un axente.

INFORMACIÓN RECOLLIDA DE TESTEMUÑAS PRESENCIAIS

Antes das 12:00 algúns axentes deteñen con violencia unha persoa (P.T.B.) no exterior do edificio (soportais da Rúa do Vilar) que depois trasladan, alxemada, a comisaria. A actuación dos axentes provoca as críticas de varias persoas presentes no lugar que consideran inxustificada a intervención. Segundo os testemuños recollidos por EsCULcA, P.T.B. non fixera xesto algún que pudese ser interpretado como delito ou como intención de cometelo e moito menos que xustificase a violencia exercida polos axentes. Xa en Comisaria, P.T.B. solicita ser examinada por un médico pois sente dores en diferentes partes do corpo, nomeadamente no xeonllo dereito. Conducida ao Ambulatorio é examinada por un facultativo do centro (J.L.P.) que realiza a consulta en presenza de axentes policiais. J.L.P. afirma non detectar a causa da dor ("Lo tuyo es cuentitis" afirma dirixíndose a P.T.B.) e comunica á paciente que vai proceder a inxectar o xeonllo. P.T.B. non autoriza a inxección por canto teme, xa que o facultativo afirma ignorar cal é a orixe da dor, que tratamento resulte contraproducente. "No te pinchas todos los días?" pregunta o facultativo (J.L.P.) a P.T.B. e a seguir limítase a diagnosticar "dolor ideopático" (sic) na perna dereita. Como episodios asociados indica "problemas generales e inespecíficos". (ver parte médico. Anexo I).
Dado que as dores persisten, o dia seguinte (24/11/2011), xa en liberdade, P.T.B. asiste novamente ao Ambulatorio de Compostela onde é atendida por outro facultativo (R.I.L.) que diagnostica "signos inflamatorios y limitación funcional articular rodilla derecha" (ver parte médico Anexo II) e deriva a paciente ao servizo de Urxencias para que lle sexan realizadas probas complementares, que confirman a inflamación no xeonllo dereito e detectan hematomas en diferentes zonas corporais (Anexo III).

Como anteriormente se mencionou, no momento da detención de P.T.B. varias persoas expresan críticas pola actuación dos axentes, o que provoca a reacción agresiva destes e unha das testemuñas (V.R.G.) recibe varios golpes de porra que lle ocasionan hematomas (ver parte de lesións en Anexos IVa e IVb). (estes som os partes de Violeta Romero)

No momento en que os axentes trasladan o grupo que permanecía retido no interior do edificio aos vehiculos policiais (en torno ás 14:00) prodúcese unha carga contra as persoas que se encontra no exterior. Un axente -sen identificar, con braga e viseira que lle ocultan o rosto- agarra unha destas persoas (F.B.P.) e propínalle unha pancada no muslo esquerdo con resultado de hematoma (ver parte de lesións Anexos Va e Vb e imaxe Anexo Vc). Outra (A.V.G.) recibe igualmente varios golpes apesar de estar de costas aos axentes (partes de lesións Anexos VIa, VIb, VIc, VId e imaxe VIe).

Non temos constancia de que exista proba algunha de as persoas concentradas no exterior do edificio teren levado a cabo algún tipo de agresión contra os membros do dispositivo policial que pudese xustificar esta violenta carga.

Posteriormente, cando algúns grupos tentan aproximarse da Sala Yago despois de se teren producido algunhas concentracións e cargas en diferentes pontos da cidade, unha xornalista (R.A.P.), que realiza o seu traballo de fotógrafa é agredida por varios axentes anti-disburbios. A xornalista é trasladada en ambulancia ao Hospital Clinico Universitario de Compostela.

CONCLUSIÓNS

Dos testemuños recollidos sobre a actuación dos axentes policiais que participaron neste dispositivo, os membros de EsCULcA constatan:
a) Incumprimento xeneralizado da Instrución 13/2007.
b) Actitudes descorteses e agresivas cando se lles fai notar este incumprimento.
c) Actitude burlona do axente que se identifica como responsábel do dispositivo e afirma non comprender ningunha das linguas co-oficiais na comunidade autónoma galega.
d) Obstaculización (con agresión física e sen cobertura legal) do dereito de particulares a tomar fotografias nun lugar de pública concurrencia (Rúa do Vilar).
e) Despregamento dun dispositivo policial desproporcionado, tanto no que ao número de axentes participantes se refere canto ás características do material que portan e utilizan.
f) Uso desproporcionado de medios coercitivos que provoca lesións a varias persoas e cargas inmotivas que perturban a vida da cidade.

NOTA I: A pesar de non ter constado de visu a presenza de axentes debidamente identificados, EsCULcA poido observar en imaxes captadas por cámara móbil que algún axente si exhibia a placa identificativa sobre o equipamento anti-disturbios.

NOTA II:
ACTUACIÓN POLICIAL NO INTERIOR DO EDIFICIO

INFORMACIÓN RECOLLIDA DE TESTEMUÑAS PRESENCIAIS

Ao redor das 10:30 dous policías de paisano que permaneceran varias horas diante da porta de entrada do cinema, aberta en todo momento, entran no edificio acompañados dun grupo de 5/7 axentes . Todos eles fortemente armados e portando lanternas, escudos, mazas e outros utensilios similares aos que se usan para a práctica do montañismo.
Ningún destes axentes leva à vista placa de identificación.

Os axentes proceden a identificar as persoas que se encontran no interior. Unha delas é conducida a comisaria por carecer de documento de identidade e, unha vez concluído o trámite de identificación, é transladada novamente à Sala Yago

Mais tarde entra outro grupo de axentes (entre 10 e 15 individuos). Todos os axentes, excepto o que parece ser o responsábel do operativo, levan a cabeza coberta con casco, braga e viseira deixando ver apenas os ollos.
Tampouco estes axentes levan á vista o número de identificación.

Posteriormente entra outro grupo de axentes da Policia Nacional, neste caso co rosto descoberto e, ao igual que en casos anteriores, sen número de identificación á vista.

Entran tamén axentes do Grupo Tedax, vestidos de paisano e coa cara descoberta.
Algúns axentes examinan o lugar en que se gardan os produtos de limpeza sen permitiren a presenza de testemuñas durante a inspección a pesar da demanda explícita que fai algunha das persoas retidas.
Tampouco acceden a mostrar a Resolución do Xulgado de Instrución núm. 2 de Compostela que autoriza a evacuación do edificio a pesar dos requerimentos que se lles fan neste sentido.

Durante o tempo que dura a retención no interior do edificio, as persoas están divididas en dous grupos: un deles na planta baixa e o outro no primeiro andar. As da planta baixa son autorizadas a sentarse se asi o desexan. As da planta superior son obrigadas a permanecer de pé todo o tempo que dura a operación (unhas tres horas e media).

Ás 13:45 aproximadamente son autorizados a entrar un avogado e tres avogadas. Os axentes néganse a proporcionarlles información sobre os delitos de que se acusa os seus clientes.
Dous dos axentes toman fotografias individualizadas das persoas retidas no interior, dos produtos de limpeza e do que parecen ser algunhas bombonas de camping gas.
Ao redor das 14:00 todas as persoas retidas no edificio son trasladadas até as portas da comisaria da Avd. Rodrigo de Padrón. Os homes son obrigados a permanecer encerrados nos veículos policiais á espera de que lles sexa tomada declaración. O último declara ás 17:30 horas aproximadamente, despois de permanecer tres horas e media no interior do vehículo.

Non consta que algún dos axentes que participan na operación levase à vista a placa de identificación.

Conclusións

Os testemuños recollidos por EsCULcA sobre a actuación dos axentes policiais que interviron no interior do edificio da Sala Yago salientan:
a) o incumprimento xeneralizado da Instrución 13/2007,
b) o rigor innecesario na forma en que son tratadas as persoas retidas na planta superior
c) o rigor innecesario do grupo obrigado a permanecer encerrado nos vehículos policiais diante da comisaria da Avd. Rodrigo de Padrón.
d) o feito de teren impedido a presenza de testemuñas durante a inspección do lugar en que se gardaban utensilios e produtos de limpeza.

SeráN DO 23 DE NOVEMBRO
Concentración e manifestación

INFORMACIÓN RECOLLIDA DE TESTEMUÑAS PRESENCIAIS

Concéntranse na Porta do Camiño unhas 300/400 persoas. Cando chegan ao lugar hai 12 vehículos blindados da Policía Nacional. Posteriormente alguns destes veículos abandonan o lugar.
Un grupo, aparentemente autorizado pola policía, diríxese ao casco histórico de Compostela por Casas Reais e, despois de alguns incidentes, chega á Porta da Mámoa onde é interceptado pola policia. Prodúcese unha carga e, unha vez reunido novamente, o grupo diríxese à Praza Roxa.

A actuación policial neste caso resulta, cando menos, sorprendente. Alguns axentes dan pontapés disimuladamente nas canelas das persoas que van diante do grupo portando unha faixa (ver parte de lesións Anexo III ) (ESTE É O PARTE DE ALEXANDRE) e outros, mentres o groso da manifestación avanza sen problemas, comezan a bater en varias persoas que fican atrás ou abandonan o grupo.

Tamén son obxectivo das pancadas destes axentes alguns viandantes alleos á protesta. Un deles, un individuo que presenta indícios de ebriedade e insulta por igual axentes e manifestantes, recebe un golpe que lle provoca un ferida de tamaño considerábel na cabeza. Ignórase se foi atendido nalgún centro médico.

Conclusións

Os testemuños recollidos por EsCULcA sobre a actuación policial no decurso da manifestación coinciden en salientar o comportamento errático dos axentes e o uso desproporcionado da forza. Esta actuación deu como resultado varias persoas lesionadas, algunhas delas por completo alleas á protesta.

Incidentes posteriores á manifestación

INFORMACIÓN RECOLLIDA DE TESTEMUÑAS PRESENCIAIS

Varias persoas que se dirixían á Estación de Autobuses de Compostela observan que son seguidas por un grupo de axentes.
Ao entraren na estación, unha destas persoas é detida polos axentes. Outro individuo (E.P.L.), ao comprobar que dous axentes veñen atrás del, vírase e levanta as maos. Bruscamente, sen mediar movemento algún que eventualmente pudese xustificar a agresión, un dos axentes bátelle con a porra na cabeza, produzíndolle unha ferida de 2 cms. e o outro dalle un porrazo na cella esquerda. O agredido cai ao chan e cando está deitado os axentes propínanlle varios pontapés. A seguir marchan sen diciren nada. O agredido érguese e decide abandonar o lugar, dá a volta á estación e é interceptado por dous membros da policía vestidos de paisano que o identifican. Como ven a ferida, que nesa altura sangra bastante, un dos axentes di: "A ti no te llevamos a comisaría que estás hecho un cristo y nos vas a meter en un follón".

Ao día seguinte, E.P.L. é atendido no Hospital da Coruña onde lle estenden un parte de lesións (ver parte de lexión en Anexo VII).

EsCULcA tivo noticia do caso doutra persoa que igualmente teria sido identificada e agredida por axentes policiais cando circulaba na mesma zona.

Conclusións

Segundo os testemuños recollidos por EsCULcA, no comportamento dos axentes que interviron na identificación e/ou agresión a E.P.L., e eventualmente no da outra persoa non identificada, resulta manifesta a falta do requisito da necesidade da actuación para a
consecución dos fins que a lei de corpos e forzas de seguridade do estado confere á policía, polo que se reputa unha actuación en clara extramilitación das potestades legais outorgadas e constituiva de "via de feito".

Relatório sobre a Manifestaçom em Cacheiras - Teio

ANTECEDENTES

EsCULcA (Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades) ven constatando con preocupación as restricións que na Galiza está a padecer o exercicio do dereito de reunión e manifestación consagrado no artigo 21 da Constitución de 1978. Son varias as Resolucións Administrativas da autoridade gobernativa que no último ano deron unha interpretación estrita deste dereito de configuración constitucional e dos mínimos requisitos que para o seu exercicio impón a LEI ORGÁNICA 9/1983. Así, ditáronse acordos prohibindo concentracións por estas teren sido comunicadas fora de prazo, mesmo no caso en que a causa de urxencia da convocatoria era patente.
Son numerosos tamén os expedientes sancionadores incoados nos últimos dous anos ao amparo da lei de seguranza cidadá a participantes en concentracións e manifestacións.

É neste contexto que ESCULCA, en exercicio das suas finalidades Estatutarias, decide emprender un traballo de observación en determinados actos, manifestacións ou reunións celebrados ao longo do país, para comprobar se se observa o escrupuloso respecto ao dereito constitucional que plasma unha das formas de participación directa da cidadanía no exercicio da acción política. Neste mesmo contexto, e con o propósito de documentar as irregularidades que eventualmente viñeren a producirse para poder dar conta delas, EsCULcA decide elaborar en cada caso un relatorio que recolla todas as incidencias observadas directamente e incorporar en apéndice aqueloutras, anteriores ou posteriores ao desenvolvemento do acto en si, de que tiver constancia. Estes relatorios son enviados posteriormente aos portavoces dos tres grupos do Parlamento Galego, ao Valedor do Pobo, á oficina do Defensor del Pueblo así como a organismos e observatorios europeos, deputados galegos no Congreso e no Parlamento Europeo e meios de comunicación social.

Como é habitual, neste relatorio consígnanse separadamente aqueles feitos que as equipas de observación constararon de visu e aqueloutros de que tivo constancia a través doutras fontes.

Manifestación do 23 de decembro en Cacheiras Convocada por Siareir@s Galeg@s

Observación directa

No cadro da xornada festiva que este colectivo celebra anualmente, o 23 de decembro de 2011 ten lugar na parroquia de Cacheiras (Concello de Teo) unha manifestación reivindicativa que parte ás 19:30 do campo de fútbol desta parroquia e decorre pola Veiga de Griois, a Travesía de Cacheiras -entre os números 91 e 58- e a Fonte da Estrela, por onde regresa ao campo de futbol en que posteriormente se celebra un xogo entre a Irmandinha e a Selección da República Árabe Saharauí Democrática.

Unha equipa de EsCULcA observa o desenvolvimento da marcha e o cumprimento dos dereitos civís das persoas que participan nela, prestando especial atención á observancia da INSTRUCIÓN 13/2007 da SECRETARIA DE ESTADO DE SEGURANZA, relativa ao uso do número de identificación persoal dos membros das forzas e corpos de seguranza, e á proporcionalidade das actuacións dos axentes que interveñen no operativo. A equipa de observación está formada por catro persoas, identificadas e diferenciadas dos manifestantes cos petos con logo de EsCULcA, que se presentan ao axente da Garda Civil responsábel do operativo (núm. de identificación K8469G).

Antes do inicio da marcha

No lugar hai un dispositivo da Policía Local de Teo, que regula o tráfico da zona, e outro da Garda Civil. Este último, surprendentemente amplo, inclui 4 ou 5 furgonetas e algunhas unidades dotadas de equipamento anti-disturbios.

Momentos antes de se constituir a equipa de observación de EsCULcA, os membros que xa se encontran nas proximidades do lugar en que está previsto comece a marcha son requeridos por unha concelleira do Concello de Teo (C.H.). A concelleira informa que a Garda Civil demanda a identificación de varias persoas como "responsábeis" da manifestación para que esta poda iniciar o seu percorrido. O membro da equipa de EsCULca, ainda sen identificar co peto distintivo, solicita dun dos organizadores que exhiba copia da comunicación do acto formulada perante a subdelegación do goberno ao amparo da LO 9/1983 DE 15 DE XULLO.

Comprobada a preceptiva comunicación e, dado que a persoa que a porta manifesta non ter sido recebida notificación da autoridade gobernativa prohibindo o acto ou alterando o percorrido, o observador de EsCULcA dirixese a unha axente da Garda Civil a fin de ter coñecemento directo dos problemas que alega a forza pública para non permitir o comezo do acto, momento en que un axente da polícia local comunica tanto a un dos representantes da organización no lugar (A.S.C.) como ao próprio observador de EsCULcA que non hai mais incidencias por canto se procedeu a identificar A.S.C. como responsábel do desenvolvemento do acto.
En resposta á pergunta de A.S.C., que reclama saber como é posíbel que a Garda Civil dispoña dos seus datos filiatorios, un axente contesta que se ten constancia deses datos por A.S.C. figurar como autor das xestións realizadas para a reserva das instalacións municipais.

Cumprimento da Instrución núm. 13/2007

Os membros da equipa de observación de EsCULcA comproban que, como ven sendo habitual, os axentes non levan en lugar visíbel a placa de identificación e comunican esta irregularidade ao axente que se identifica a si mesmo como responsábel do operativo (que si exhibe o seu número de identificación: K8469G), indicándolle que farán constar este extremo no relatorio de observación. O axente contesta afirmando que non lle preocupan esas "tonterías" e que el vai "durmir moi tranquilo".

Nese momento aproxímase outro axente con equipamento anti-disturbios, sen identificación visíbel, e require a documentación aos observadores fundamentando a súa petición no que di considerar lóxica reciprocidade. Compre facer notar que este axente procede sen recibir ordes ou instrucións do que se identificara previamente como "xefe do operativo" (K8469G), que actúa con total autonomia a respecto do resto das forzas presentes e que se conduce de feito como responsábel da forza policial da Garda civil destinada no lugar.
No entanto, a pesar da súa sorprendente afirmación e dos renovados requerimentos dos observadores, este axente négase a facilitar a súa identificación alegando que, de acordo coa INSTRUCIÓN 13/2007 da SECRETARIA DE ESTADO DE SEGURANZA, non ten obrigación de levar o seu número en lugar visíbel nen de comunicalo. Segundo a opinión que expresa só estaría obrigado a facelo en caso de estar "en relación directa cos cidadáns". Paradoxalmente, a seguir expresa un novo argumento (o feito de levar equipamento anti-disturbios impédelle levar a placa á vista) e pasa a transmitir oralmente o seu número (M69222R), dando así por terminada a explicación. Foi xa indicado que ningún dos axentes que están nese momento no lugar leva en lugar visíbel a placa de identificación.

Desenvolvimento da manifestación

Como antes se adiantou, entre as 19:30 e as 20:30 aproximadamente, a marcha decorre sen incidentes pola Veiga de Griois, un tramo da C-481 e a Fonte da Estrela, acompañada en todo momento por efectivos da Policía Local e da Guarda Civil.

Alén dos vehículos e unidades que escoltan a marcha, na estrada Santiago de Compostela-A Estrada, á altura do núm. 91, permanecen estacionadas varias furgonetas da Guarda Civil con numerosos efectivos anti-disturbios.

Información recollida de testemuñas presenciais

Previamente á chegada do primeiro observador de EsCULcA ao ponto de inicio da marcha, membros da Garda Civil comunicaron ás persoas que se encontraban nese momento no lugar que para poderen autorizar a saída tiñan de identificar 10 persoas, unha delas necesariamente a que asinara a comunicación. Ante as reaccións de estupor que provocou esta exixencia, a todas luces arbitraria e carente de fundamento legal, os membros da Garda Civil foron rebaixando progresivamente as suas demandas até acabar por se conformaren, toda vez que a asinante da comunicación non se encontraba no lugar, con atribuir a responsabilidade a A.S.C., cuxos dados obtiveron, como xa se dixo, dos trámites realizados para a obtención de permisos.

Igual gravidade reveste no parecer de EsCULcA o feito de membros da Garda Civil teren visitado o Concello de Teo en varias ocasións antes do 23 de decembro coa explicita intención de conseguir que os responsábeis municipais cancelasen os permisos concedidos para a celebración dos varios actos programados e reclamar os datos filiatorios das persoas responsábeis pola organización do evento, advertindo que, caso eses datos non lles seren entregados, recorrerian a via xudicial.

Por testemuños indirectos, EsCULcA tivo coñecemento de xestións análogas realizadas coas persoas que outorgaron o permiso para a cesión do centro cultural anexo ao campo de fútbol.

Recomendacións

Apesar das numerosas denuncias que provoca o reiterado incumprimento da Instrucción 13/2007 por parte dos axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, non se constata avance ningún que permita albergar esperanzas de que nun futuro próximo se producirá o necesário cambio de actitude nos funcionarios encargados de facer cumprir a lei. Para corrixir esta situación, EsCULcA propón que se adopten as medidas en sede disciplinaria que procedan contra os axentes actuantes e os seus mandos.
Perante a notoria desproporción entre o dispositivo despregado e o número e actitude dos manifestantes, EsCULcA recomenda que as autoridades gobernativas revisen os protocolos de actuación das UIP, por estimar que actuacións como as descritas non se axustan aos principios de necesidade e proporcionalidade de acordo coa interpretación que deles ven facendo a xurisprudencia.

De se confirmaren os feitos descritos no apartado anterior (Información recollida de testemuñas presenciais", parágrafo 2), EsCULcA considera que a Delegación do goberno debería abrir expediente informativo para depurar posíbeis responsabilidades, cando menos disciplinares, toda vez que un comportamento dese xénero se aproxima perigosamente, no mellor do casos, a unha indución á prevaricación.

ANEXO

Comunicación á Delegación do Goberno (rexistro
Compostela, 20/01/2012


Relatório sobre a Marcha a Teixeiro

ANTECEDENTES

EsCULcA (Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades) ven constatando con preocupación as restricións que na Galiza está a padecer o exercicio do dereito de reunión e manifestación consagrado no artigo 21 da Constitución de 1978. Son varias as Resolucións Administrativas da autoridade gobernativa que no último ano deron unha interpretación estrita deste dereito de configuración constitucional e dos mínimos requisitos que para o seu exercicio impón a LEI ORGÁNICA 9/1983. Así, ditáronse acordos prohibindo concentracións por estas teren sido comunicadas fora de prazo, mesmo no caso en que a causa de urxencia da convocatoria era patente.

Son numerosos tamén os expedientes sancionadores incoados nos últimos dous anos ao amparo da lei de seguranza cidadá a participantes en concentracións e manifestacións.
É neste contexto que ESCULCA, en exercicio das suas finalidades Estatutarias, decide emprender un traballo de observación en determinados actos, manifestacións ou reunións celebrados ao longo do país, para comprobar se se observa o escrupuloso respecto ao dereito constitucional que plasma unha das formas de participación directa da cidadanía no exercicio da acción política. Neste mesmo contexto, e con o propósito de documentar as irregularidades que eventualmente viñeren a producirse para poder dar conta delas, EsCULcA decide elaborar en cada caso un relatorio que recolla todas as incidencias observadas directamente e incorporar en apéndice aqueloutras, anteriores ou posteriores ao desenvolvemento do acto en si, de que tiver constancia. Estes relatorios son enviados posteriormente aos portavoces dos tres grupos do Parlamento Galego, ao Valedor do Pobo, á oficina do Defensor del Pueblo así como a organismos e observatorios europeos, deputados galegos no Congreso e no Parlamento Europeo e meios de comunicación social.

Como é habitual, neste relatorio consígnanse separadamente aqueles feitos que as equipas de observación constararon de visu e aqueloutros de que tivo constancia a través doutras fontes.

Concentración nas inmediacións do C.P. de Teixeiro - 18/12/2011

Às 16:00 do dia 18 de decembro ten lugar unha concentración diante do Centro Penitenciario de Teixeiro (Paradela) en solidariedade coas persoas presas e en protesta polas condicións do cárcere. Participan 70 persoas aproximadamente.

Unha equipa organizada por EsCULcA, previa comunicación à Delegación do Goberno en Galiza (ver anexo I), observa o desenvolvimento do acto.
Dispositivo policial e desenvolvimento da concentración
8 vehículos da Garda Civil e a Garda de Tráfico, coas respectivas dotacións, están situados diante do Centro Penitenciario. Non se permite ás persoas que participan na concentración nin aos membros da equipa de observación aproximarense das dependencias da prisión nin estacionaren os seus automóbiles no explanada do centro.

Un axente da Garda Civil grava as persoas que participan na concentración e alguns membros da equipa de observación de EsCULcA.
Y.F., observadora de EsCULcA, pregunta a un axente, que se identifica como responsábel do operativo, se esta gravación está autorizada. O axente contesta afirmativamente.

Tres membros da equipa de observación constatan que os dous axentes situados diante do portón de entrada do C.P. non levan á vista a placa identificativa.

Cando se lles fai notar esta irregularidade, os dous axentes indican que o levan debaixo do equipamento anti-disturbios. "Quieres que me desnude aquí?", pregunta un deles (identificado posteriormente co número J71581K ) a R.V., observadora de EsCULcA. As tres observadoras de EsCULcA son identificadas por estes dous axentes, que argumentan o seu proceder como " lóxica reciprocidade".

Inmediatamente, segundo todos os indicios por indicación do axente identificado como responsábel do operativo (que tampouco leva o número de identificación á vista), os dous axentes proceden a declamar o seu número de identificación: E20727U e J71581K. As observadoras de EsCULcA non poden comprobar se estes números coinciden cos verdadeiros porque os axentes manteñen oculta a placa en todo momento. O responsábel do operativo non facilita o seu número en ningún momento.

A equipa de observación constata que, próximo aos axentes da Garda Civil situados xunto á cancela do valado que rodea o estacionamento, un individuo (robusto, non moi alto, cabelo raro, de aproximadamente 50 anos) vestido con uniforme de funcionario de II.PP. observa e toma fotografías das persoas que participan na concentración.

En determinado momento, dúas persoas das que participan na concentración diríxense ao portón de entrada do C.P. con intención, segundo manifestan posteriormente á equipa de observación de EsCULcA, de entregar información escrita ás persoas que permanecen detrás do valado (presumibelmente familiares de persoas internas que esperan o seu turno de visita). Os axentes que controlan a entrada e o funcionario de II.PP. que toma fotografías impeden que se aproximen e elas lanzan os panfletos por riba do valado. As dúas son identificadas por axentes da Garda Civil. "Estos papeles te van a salir caro", afirma un dos axentes.
Outra persoa do grupo de manifestantes diríxese ao lugar e, despois dunha troca de palabras cos axentes, distribui alguns panfletos sen que ninguén o impida.

Despois de permaneceren concentradas durante algo menos de dúas horas, as persoas que participan no acto desprázanse uns 70 mts. en dirección á estrada de Compostela (N634) e ali continuan coreando lemas durante uns 15 minutos. A seguir lanzan un globo aerostático de pequenas dimensións, que se eleva e desaparece en medio da poalla, e dan por concluído o acto. No momento de iniciarse o desprazamento, varios axentes provense de material anti-disturbios que non chegan a utilizar.

Durante as dúas horas que dura a concentración, o grupo ocupa o carril máis próximo ao C.P. Esporadicamente ocupa tamén parte do outro carril.

Dado o escaso tránsito da zona e a atitude pacífica das persoas que participan, o acto non ocasiona en ningún momento obstáculo algún para a circulación de vehículos.
Tampouco obstaculiza o tránsito, polas mesmas razóns, un vehículo policial (PGC 3081-B) que permanece durante algún tempo estacionado ilegalmente (sobre raia contínua, en sentido contrario e sen luces de emerxencia).

OBSERVACIÓNS

A actuación do individuo identificado polo seu uniforme como funcionario de II.PP. a que antes se fixo referencia ten, na opinión da equipa de observación de EsCULcA, dificil engaste legal.

Certo que o Regulamento Penitenciario, se ben confere (Art. 63) a seguridade exterior dos CC.PP. ás forzas e corpos de Seguridade (non ao persoal de II.PP.), tamén establece unha competencia residual do persoal penitenciario (en materia de seguridade exterior, as forzas e corpos de seguridade recibirán indicacións do Director do Centro Penitenciario) e cabe a posibilidade de que o individuo en cuestión impartise indicacións aos axentes da Garda Civil como mando de incidencias ou delegado do mesmo.
Contodo, ainda que lles permite dar indicacións, o artigo 63 non autoriza os Directores a asumir funcións propias de seguridade exterior. Nese sentido, a actuación do individuo que identificamos como funcionario de II.PP. excede dese posible amparo regulamentar cando procede a tomar fotografias dos manifestantes, unha función -insistimos- propia de seguridade conferida aos corpos de seguridade do estado e regulada na LEI ORGÁNICA 4/1997 DE 4 DE AGOSTO (onde se supeditan a autorización).

Por outra parte, e co ánimo de confirmar que con efecto o uso de video-cámaras móbiles por axentes da Garda Civil cumpría os requisitos estabelecidos pola lei, EsCULcA formulou petición á Delegación do Goberno en Galiza para que lle sexa entregada copia da correspondente autorización (anexo II)

RECOMENDACIÓNS

Apesar das numerosas denuncias que provoca o reiterado incumprimento da Instrucción 13/2007 por parte dos axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, non se constata avance ningún que permita albergar esperanzas de que nun futuro próximo se producirá o necesário cambio de actitude nos funcionarios encargados de facer cumprir a lei. Para corrixir esta situación, EsCULcA propón que se adopten as medidas en sede disciplinaria que procedan contra os axentes actuantes e os seus mandos.
Perante a notoria desproporción entre o dispositivo despregado e o número e actitude dos manifestantes, EsCULcA recomenda que as autoridades gobernativas revisen os protocolos de actuación das UIP, por estimar que actuacións como as descritas non se axustan aos principios de necesidade e proporcionalidade de acordo coa interpretación que deles ven facendo a xurisprudencia.

Igualmente deberán ser tomadas as medidas que correspondan contra o funcionario de II.PP. que excedeu as súas funcións ao tomar fotografías de manifestantes, cuxa actuación, como antes se explicou, non pode ter amparo na LEI ORGÁNICA 4/1997 DE 4 DE AGhttp://www.blogger.com/img/blank.gifOSTO, que limita o rexime de autorizacion de captación de imaxes ás forzas e corpos de seguridade do estado (art.5).

anexos

Comunicación á Delegación do Goberno (rexistro 09/12/2011).

Petición á Delegación do Goberno de copia da autorización a Garda Civil para o uso de vídeo-cámaras móbiles (rexistro 09/01/202).

Compostela, 20/01/2011

[os anexos poderánse consultar pronto en www.esculca.net na sección documentos, xa que ainda non foron subidos á web]

No hay comentarios:

Publicar un comentario