11 oct 2011

"A Revolta dxs Caracois" 2º nº do fanzine


Neste número, que podedes descargar clicando acá, volvemos á carga disparando verbas tinguidas de sangue, bombas atómicas de padecemento marxinal, sentimentos-proxectil de amor/odio en nome de todxs xs que vivimos nas marxes deste caos engaiolado que chamamos estrutura social e que nos rouba a vida...

Seguindo a liña de pensamento queer e antiautoritaria que levamos dende o primeiro número, non podiamos quedar sen tocar a polémica da prostitución nesta nova entrega. Xs putxs do mundo declarámoslle a guerra á “Decencia” e ó “decoro”...as nosas armas: a provocación e a perversión... Fronte o discurso da dignidade moralista do feminismo clásico abolicionista no que a muller-puta é unha mercadoría, poñamos o espello da prostitución que leva implícito o sistema capitalista de última xeración: o matrimonio, a precariedade laboral (das moi dignas señoras da limpeza por exemplo), a explotación, o escravismo de novo cuño, a flexibilidade (para os empresarixs claro), o recorte de garantes socias e económicos, o paro, a mercantilización da miseria por parte das Onxs (financiadas polas grandes entidades bancarias donas do mundo e xeradoras desa mesma miseria... non necesitamos a vosa caridade, farémonos co que xa é noso, non vos debemos nada!)...

Volvemos á carga contra o amor monógamo, fuxindo desta cultura-cárcere que nos baleira os corazóns a todxs xs que somos capaces de amar a máis de unha persoa á vez. Neste Teatro da Norma e dos Horrores onde o patrón heteronormativo alimentado polo mito do amor romántico ou da media laranxa nos impide chegar á felicidade a golpe de dependencia emocional, bisturí, de psiquiátrico, ou de fármacos... Xoguemos! O xénero é performativo! Desobedezamos unha vez máis ate quedar sen alento... traspasemos todos os contextos, hai moito traballo por diante incluso en sectores sociais hipoteticamente máis abertos, como por exemplo podería ser o anarquista, no que moitxs compañeirxs son incapaces de utilizar o pensamento político dentro do ámbito das relacións persoais, e sen embargo levan moitos anos politizando as relacións na chamada esfera pública (a nivel laboral, en termos de propiedade). Fartxs de saber que o social é político, queremos dinamitar as nosas relacións persoais estruturadas e comezar de cero. Isto é un traballo individual de cada un de nós, demasiado acostumados a mirar sempre cara fora.

Declarámoslle a guerra ó Sistema Médico Hexemónico, por ditador de comportamentos, por mutilador de membros e de vidas... Abaixo o binarismo! Tanto de xéneros coma de sexos, a intersexualidade é un bo exemplo disto e unha proba máis das manipulacións bioloxicistas da señora ciencia a favor do control social, como poderedes ver no especial sobre intersexualidade que incluímos neste número. Por iso reivindicamos: Abaixo os esencialimos e determinismos de calquera clase! A realidade é diversa e cambiante. A práctica sexual non ten unha única función natural de reprodución, o sexo e as súa praxe é aprendida de xeito social, non ten unha orixe natural que xustifique a tortura de miles de bebés mutilados para poder cumprir co seu xénero-sexo asignado como home vs. Muller, e a súa correspondente función sexual, a saber: penetrador vs. penetrada. Falamos de comportamentos sexuais heteronormativos vixentes como algo “natural”... pero que teñen de naturais??? A Norma está esculpida a forza de represión, cadeas e tortura. Sempre se fixo, acontece así desde o principio dos tempos... Primeiro a igrexa, despois o sistema médico fármaco-industrial... non será que as realidades e os verdadeiros desexos lonxe da castración represiva da norma, son caos e diversidade, identidades diverxentes, multiplicidade simultánea de comportamentos, desexos e motivacións... Loitemos porque todo iso se faga encadrado dentro dun código de respecto e horizontalidade contra toda autoridade.

Por iso unha vez máis, mutadas pola radioactividade da norma, convertamos o estigma da puta, a etiqueta dxs anormais en orgullo, construamos os nosos corpos e as nosas mentes, sexamos libres e pasemos da teoría á acción, facendo a verdadeira poesía, “queimémolo ceo si é preciso por vivir” como dicía certo cantautor cubano...

Sodoma e Rizoma

Información chegada ao noso correio

No hay comentarios:

Publicar un comentario