17 ene 2011

SOBRE O DESENVOLVIMENTO DA CONCENTRACIÓN EN TEIXEIRO (08/01/2011) Relatório da equipa de EsCULcA


En resposta à convocatória de diferentes colectivos de apoio às persoas presas, o pasado dia 8 de Xaneiro, pouco despois das 18:00, nun lugar situado nas proximidades do Centro Penitenciário de Texeiro, na beira da estrada comarcal dirección Paradela, concentraron-se unhas 70 persoas para reclamar o respeito aos direitos fundamentais nas cadeas e a abolición do actual sistema penitenciário.

Como tiña comunicado previamente à Subdelegacion do Governo da Coruña, EsCULcA enviou ao ponto de reunión unha equipa de observación por entender que as circunstáncias que rodearon a marcha do pasado ano facian perentória a tutela dos direitos e liberdades das persoas que decidisen asistir a esta manifestación.

O lavor realizado polos 8 membros da equipa de EsCULcA permitiu constatar que as persoas ali congregadas mantiveron en todo momento unha atitude non violenta, sen que a sua presenza na beira da estrada impedise en nengunha ocasión a libre circulación de veículos nen perturvase a normal actividade da zona (polo demais mui afastada de calquer núcleo urbano).

Pola sua parte, a Guardia Civil instalou vários dispositivos de controle na estrada de Curtis-Oviedo (Nacional 634) e no próprio lugar de reunión, dispositivos que sorprenderon os membros da equipa de observación de EsCULcA pola sua desproporcionada magnitude relativamente ao número e à atitude dos manifestantes.

A delimitación de duas extensas áreas de seguranza en torno aos pontos de controle situados na estrada Curtis-Oviedo e a identificación dos veículos que circulavan en ambos os sentidos provocou algunhas retencións no tránsito rodado.

Todas as persoas que acudiron à concentración foron identificadas polos axentes e submetidas en muitos casos a rexistos corporais. Todas elas foron tamén obxeto de gravación vídeo-gráfica personalizada no momento da identificación, o mesmo que o íntegro desenvolvimento do acto reivindicativo.

Finalizado o acto, e cando as persoas que participaran na concentración xa comezaran a subir ao autocarro que as transladaria aos seus lugares de destino, os membros de EsCULcA puderon observar como alguns dos axentes que permanecian na zona se equipavan con material anti-distúrbios (casco e protectores de pernas) ainda que non lles foi posível detectar causa algunha que xustificase esa actuación. Os axentes asi equipados non interviron en nengun momento.

Outras persoas que non participavan no acto reivindicativo, entre elas 7 dos membros da equipa de observación de EsCULcA, foron igualmente obxeto de identificación e, no caso dalguns viandantes que pasavan ocasionalmente pola zona controlada, obxeto tamén de rexistos corporais.

2 comentarios:

  1. Magnífica cobertura da Mani a Teixeiro!
    Sodes o referente informativo

    ResponderEliminar
  2. Vaia, sen dúbida curioso o detalle de que unha vez finada a concentración, xs cadeliñxs do Estado puxeran o traxe de power ranger. Agardaban sen dúbida o mais mínimo motivo para cargar, mais non houbo sorte. Outra vez será, fillxs de mala nai..

    ResponderEliminar