12 nov 2010

[Sáhara] Marrocos invade Aaiún e reprime de novo con asasinatos ao povo saharaui


As noticias que proceden do Aaiún continúan a mostrar o alcance do xenocidio perpetrado pola monarquía marroquí. Segundo denuncia Thawra, unha organización que agrupa varios colectivos que loitan pola defensa dos dereitos humanos no Sáhara, o número de detidos/desaparecidos saharauís aumentou de maneira insólita nas últimas horas, debido ao indiscriminado secuestro de saharauís, nas súas propias casas, por parte dos militares marroquís, coa axuda de centos de colonos que patrullan a cidade".

Aínda que a Fronte Polisario cifrou onte en 19 o número de falecidos, a cantidade de corpos sen identificar podería superar a centena, segundo Thawra, que denuncia que Marrocos está amontoando os cadáveres de saharauís en pozos e fosas comúns.

"O control militar no Aaiún é brutal e aos saharauís se lles fai totalmente imposible recoller probas das agresións e asasinatos que está a cometer Marrocos", asegura esta organización.

Unha represión que se produciu despois de que o Exército invasor marroquí desmantelara con gran violencia o acampamento de protesta dos saharauís de 'Gdeim Izik', o que provocou enfrontamentos coa poboación. En 'Gdeim Izik' vivían uns 25.000 saharauís en 7.500 haimas para demandar unha mellora das súas condicións de vida.

O acampamento saharauí levantouse hai máis de tres semanas. Ata o luns, o momento de máxima tensión produciuse o pasado 24 de outubro cando un mozo saharauí, de 14 anos, morreu a tiros provintes do Exército marroquí cando intentaba acceder ao acampamento.

Máis de 4.500 feridos e 2000 detidos no Aaiún

A Oficina do Ministerio de Territorios Ocupados da República Árabe Saharauí Democrática (RASD) cifrou hoxe en máis de 4.500 os feridos e máis de 2.000 os detidos tras o desmantelamento do acampamento de Gdeim Izik no Aaiún, cidade que se mantén "en estado de sitio".

Esta Oficina precisa nun comunicado remitido á Haine que o Exército, as Forzas Auxiliares e a Policía de Marrocos continúan atacando as vivendas dos cidadáns saharauís, detendo a todo o que encontran, mallando a familias enteiras e secuestrando os mozos, sobre todo, nos barrios de Skeikima, Bucraa e Mattalla.

Nos barrios do este da cidade, como Raha e Duerat, ata onte pola mañá, producíanse continuos rexistros de vivendas por parte das forzas marroquís, que obrigan aos cidadáns a berrar "Viva o Rei" e "Sáhara marroquí".

Na nota, explican que o Exército roubou veículos de saharauís para queimalos en plena rúa e detivo aos seus ocupantes. A Oficina do Ministerio de Territorios Ocupados da RASD ten constancia de máis de 2.000 detencións ata o momento. Os poucos liberados, fórono "despois de ser brutalmente torturados", expresa o informe oficial.

Máis de 4.500 persoas resultaron feridas de diversa consideración e moitas delas permanecen ocultas nas súas vivendas, sen que se poida coñecer a súa evolución.

Testemuñas oculares contaron ducias de mortos dispersos nos arredores do acampamento de Gdeim Izik e na parte este da cidade do Aaiún, mentres que o número de desaparecidos é "incalculable", agrega a nota oficial.

A Oficina do Ministerio de Territorios Ocupados da RASD asegura que na cidade ocupada de Smara decretouse o estado de sitio e suspendéronse temporalmente as clases ata o vindeiro 19 de novembro, despois de que a policía dispersara con violencia as manifestacións de mozos estudantes dos liceos, en solidariedade cos cidadáns da poboación ocupada do Aaiún.

Ultimas noticias minuto a minuto dende os Territorios Ocupados: http://territoriosocupadosminutoaminuto.blogspot.com/

[noticia extraída de mislata contrainfos]

No hay comentarios:

Publicar un comentario