27 oct 2010

Reflexión acerca da Folga Xeral do 29-S


A continuación poñemos á vosa disposición dous textos de Felix Rodrigo Mora acerca da xornada do 29-S, unha xornada de suposta loita e mobilizacións en todo o estado español, orquestada polos sindicatos.
Unha reflexión crítica que contribúe a un interesante debate como o que poden xenerar certas datas simbólicas e espectaculares convocadas polo falsos oponentes do sistema e sobre o papel que asumimos ante tales eventos de cara a unha luita real.

[textos traducidos ao galego extraídos de alasbarricadas.org]

Meditacións sobre a Folga Xeral do 29S

Pasada a explosión de ilusións doadas e cómodas, especificamente posmodernas na súa frivolidade e insustancialidade, que suscitou o evento, agora chegou o momento da reflexión, tarefa moito menos grata e sinxela, sobre todo para quenes levan anos afectados da letal enfermidade do activismo sen contidos nen estratexia, cosmovisión especificamente esquerdista e socialdemócrata.

En primeiro lugar hai que dicir que a folga non foi, nin moito menos, xeral, pero que, sobre todo, non foi revolucionaria. Máis ben ao contrario. Convocada polos sindicatos amarelos, feitura do Estado e da burguesía, foi en primeiro lugar, polos seus obxectivos reais, un tipo peculiar de peche patronal. En efecto a clase empresarial, así como o ente estatal e o partido no governo, necesitaban, ante a obstinación e gravidade da crise, realizar un lavado de cara dos seus instrumentos para o control e manexo das clases traballadoras, a fin de dotar a estes dunha lexitimidade que estaban en proceso de perder.

Polo tanto, a convocatoria da así chamada Folga Xeral servía perfectamente ás fins políticas estratéxicas e tácticas (nestas destaca a rexeneración do PSOE, vía UGT e á esquerda da socialdemocracia, tras 6 anos de desgaste no governo) do sistema de dominación na súa totalidade, e contaba coa man de obra de sempre, o obreirismo trasnoitado e o esquerdismo posibilista e verborreico.

A cuestión, certamente, non está en apoiar ou non a convocatoria, como supón os “prácticos” de sempre, senón nos contidos, no enfoque, no programa, con que iso podía facerse, ou non facerse. Tales suxeitos, en realidade, como xa fixeron en 2004, están ligados á cosmovisión e á política socialdemócrata de maneira irremediable, póñanse as etiquetas que se poñan. Polo tanto, en canto hai unha situación algo difícil para a clase empresarial e o Estado, aí están para botar unha man, para contribuír a que a acumulación de capital continúe sen problemas a través da retórica esquerdista, da apoloxía das “loitas” e “as mobilizacións” promovidas dende arriba. Agora fatigan a todos narrando as batallitas do 29-S, sen facerse a pregunta esencial, ¿A quen beneficiou a Folga Xeral?

Tampouco pode aceptarse que un radicalismo de tres ao cuarto sosteña que o que diferenza ao espírito reformista do revolucionario sexa manter algunhas ínfimas escaramuzas coas forzas represivas, e non os contidos, os programas, a cosmovisión básica, as metas.

Moitos non logran comprender que dende o final do franquismo o capitalismo español fixo da esquerda e o progresismo a súa forza política preferida, de maneira que aquel e este (non a dereita, non o PP) son os herdeiros principais, da maneira máis rigorosa, do franquismo.

Para manter lexitimados, polo tanto operativos, aos seus aparellos para a dominación política e social en primeira instancia, a patronal convoca periodicamente peches patronais aos que denomina folgas xerais: a do 29-S foi a sétima do período de ditadura parlamentaria e partitocrática. É curioso que moitos vivan a realidade actual coa ideoloxía de fai un século, ou máis, coma se a noción de Folga Xeral, con maiúsculas, fóra inmune ao paso do tempo e ao cambio nas condicións sociais, sen querer entrar no esencial: que unha FX ou é revolucionaria ou é unha parodia. É o contido que se lle outorgue. O programa, o que a fai revolucionaria ou reaccionaria, non ela en si, non a retórica expelida, non as formas de acción ou loita utilizadas.

Para salvarnos da impostura e o teatro (talvez sería mellor falar de circo) en que se converteu hoxe a loita de clases por causa da falta de espírito revolucionario de quen se chaman “revolucionarios” hai que realizar unha ruptura coa socialdemocracia, no ideolóxico, no programático, no político, no emocional e no vivencial; hai que situar no centro a noción de revolución, como realización integral da liberdade, o autogoverno, a convivencialidade, o colectivismo e a autoxestión, nunha sociedade nova no máis substantivo, sen ente estatal nen clase empresarial.

Pero a pseudo-FX do 29-S foi, nos contidos, unha penosa reivindicación dos tres grandes males que agora nos aniquila como seres humanos, a sociedade de consumo, o aparello tecnolóxico e o Estado de benestar.

Todo iso faise en nome das “loitas ”e exortando ás “masas ”a mobilizarse por vivir “mellor” aquí e agora, para consumir, contaminar e malgastar máis; para ser triturados aínda máis polas dádivas envelenadas do Estado de benestar, para perder a condición de seres humanos, para facerse xa definitivamente pura barbarie e subhumanidade ultrasometida.

Quenes cren que as reivindicacións económicas son o primeiro paso cara unha toma de conciencia proletaria ten na sua contra a experiencia: lévase facendo dende fai máis de século e medio con resultados desastrosos. Tal estratexia non só non atrae ás “masas ”ao ideario revolucionario senón que transforma a súas apoloxetas en axentes do capital e do Estado, en reaccionarios de novo tipo, xeración tras xeración.

Nada se pode facer, xa que logo, para eliminar o fanatismo logreiro, tripeiro, gozador, festeiro, estatolátrico, frívolo, insociable, amoral, despilfarrador, descerebrado e posibilista das mentes da gran maioría do que aínda sobrevive do esquerdismo institucional e o anarquismo de Estado [1], atados por mil lazos ao PSOE. É inútil lembrarlle a frase de Soledad Gustavo, “as revolucións non son fillas do estómago, son fillas do pensamento "[2] que expresa unha sabedoría ciclópea e magnífica, imprescindible. En realidade, con esa xente todo é inútil, pois repudian a revolución, veneran a orde establecida e non ven máis alá do que é posible acadar agora, xa, aquí.

Seguindo a reflexión de Soledad Gustavo, unha muller magnífica porque se mantivo allea ás perversións e atrocidades do feminismo de Estado e o feminismo burgués, debemos reformular a nosa acción política e compromiso social xustamente na dirección que ela marca: desenvolver o pensamento para facer posible a revolución [3] deixando nun modesto e secundario lugar as esixencias do estómago.

Polo tanto, como práctica posterior á tristísima FX do 29-S está o desenvolvemento do pensamento, da conciencia, en loita contra a cosmovisión socialdemócrata, economicista e fruidora. Trátase de, superando o activismo, que fai de cada acontecemento un arremedo de campaña electoral, e considerando dunha maneira revolucionaria, a partir da verdade, os principais problemas do noso tempo, ofrecer unha alternativa a eles que estea netamente diferenciada da institucional, esquerdista e progresista.

Para levar un mundo novo nos nosos corazóns o primeiro e principal que temos que facer, en boa lóxica, é derrocar dentro de nós mesmos o ideario e programa socialdemócrata, co fin de auto-construírnos como suxeitos aptos para a acción revolucionaria. ¿Atreverémosnos a facelo? ¿Decidirémonos a rachar co narcisismo e egocentrismo da posmodernidade para recoñecernos responsables, e culpables?, ¿golpearémonos a cabeza contra un muro, metafóricamente falando, ata conseguir auto-mudarnos, facernos seres humanos renovados?

Logo, tras esa necesaria conversión interior, despois de destruir o activismo e a cosmovisión reformadora, estaremos en condicións de realizar o esforzo exterior que permitirá, talvez, que a vindeira FX sexa non só xeral senón, sobre todo, revolucionaria.




Félix Rodrigo Mora

1.- Utilizo esta expresión a partir da lectura dun texto excelente, “O efecto Chomsky ou o anarquismo de Estado”, en “Trevo negro” nº 1, CNT-AIT Almería. Pero, porén, a reflexión comunicativa sobre o anarquismo de Estado ten que continuar, sobre todo arredor da cuestión do Estado de benestar.

2.- Este asunto desenvólvoo con certa extensión no libro “Seis estudos”, editorial Brulot, de inminente publicación, en particular no capítulo “A función da conciencia na revolución ”.

3.- Na Introdución ao libro “Antoloxía de textos dos Amigos de Ludd”, os meus antigos compañeiros censúranme por aferrarme á idea de revolución, que eles consideran desaxeitada. Desde logo, declárome culpable de tal imputación, si. Pero, ou estamos pola revolución ou estamos polo poder constituído, non hai unha terceira posibilidade, non hai termo medio. Polo tanto, a pregunta aos meus queridos ex-colegas é, ¿onde se sitúan eles?

-----------------------------------------

INTERVENCIÓN NO DEBATE SOBRE A FX DO 29-S
Félix Rodrigo Mora

Antes que nada agradezo a quen participou na controversia suscitada polo meu posicionamento ante a FX á súa sinceridade e cordialidade, ademais da súa preocupación desinteresada por esclarecer un asunto de importancia, sobre o que aínda ninguén (eu tampouco) acadou conclusións fiables e suficientes.

Tras considerar con atención todas as achegas realizadas, paso a expor o meu criterio, parcial e provisional polo momento.

1. Nas condicións actuais calquera FX non ten, e non pode ter, a mesma significación que no pasado. É imposible que sexa como a de 1917, por exemplo. Iso xa se comprobou na FX de 1988, que aínda que foi xeral (o que non se acadou o 29-S) careceu de importancia. O por que diso debe ser motivo de deliberación, considerando os cambios fundamentais que tiveron lugar nos últimos 50 anos, que no substancial están por estudarse.

2. Unha FX non pode derrubar o capitalismo: para iso hai que acudir á revolución, que é un acto político. Pero quenes sobreestiman máis alá de toda racionalidade a función da economía na vida das sociedades mitificaron a forma de loita Folga Xeral precisamente para arrinconar a única maneira de extinguir o capitalismo, ao destruír o Estado, a revolución. É significativo que no 29-S a idea de revolución sexa desdeñada e ignorada por case todos. Con tristura, constato que tampouco aparece no debate. A pregunta clave é ¿queremos destruir ao sistema ou simplemente protestar contra el?

3. Pode desembocar unha FX nunha situación revolucionaria? Talvez, se se dan dúas condicións, a) unha crise política de extraordinaria gravidade, isto é, unha crise do Estado, b) que sectores significativos das clases populares teñan o alto nivel de conciencia, así como o espírito de esforzo e sacrificio necesario para en tal conxuntura alzarse insurreccionalmente. A expresión “sectores significativos” non ten que entenderse no sentido cuantitativo, senón no cualitativo, pois a noción das “masas ”é unha argucia socialdemócrata destinada ao manexo politiqueiro e electoral das multitudes.

4. Xa que unha FX, tal como é concibida polo radicalismo socialdemócrata dominante, céntrase en asuntos económicos, e pretende lograr melloras baixo o capitalismo, conservándoo e perfeccionándoo, a súa significación revolucionaria é ínfima, ou negativa. En efecto, parte dunha concepción da loita de clases que trata meramente de arrincar melloras aos patróns e normas protectoras ao Estado, en vez de buscar a eliminación duns e outro. Polo tanto, a FX económica ou non ten moita importancia, nunha estratexia revolucionaria, ou é unha mascarada para contentar ao votante medio da esquerda cunha parodia de “loita”.

5. Hoxe domina unha concepción do que o que é o capitalismo é falta de realismo, que leva directamente á apoloxía do existente. Ignórase ao Estado, nada menos, e se nos exorta a “loitar” contra o capitalismo pero esquecendo o ente estatal, presentado por moitos incluso como “aliado” das clases populares. Todo iso manifestouse na FX pasada, en que a apoloxía do Estado de benestar foi a parte máis substancial do programa dos partidos e sindicatos convocantes, con algunha excepción.

6. Ignorar ao Estado é ridículo, ademais de reaccionario. A Constitución actual, de 1978, ordena á policía e ao exército intervir cando a orde vixente estea en perigo, isto é, se a loita dos traballadores cuestionase realmente o réxime capitalista. En tal caso ameaza con establecer o estado de excepción (réxime de terror policial) e se este non abonda, o estado de sitio (ditadura militar con consentimento parlamentario). Polo tanto, un certo “anticapitalismo” que cre que todo consiste en facer folgas xerais puramente económicas, sostendo que estas son a forma superior de loita, engánase a si mesmo e engana aos traballadores. Se algo demostrou a crise económica actual, con 4,5 millóns de desempregados, un 20% da poboación na pobreza e unha situación de paz social case perfecta, é que sen conciencia revolucionaria non hai loitas (e se estas danse carecen de importancia e significación).

7. O que está no centro de todo é, ¿queremso acabar co capitalismo ou meramente vivir "mellor" baixo el? Quenes se inclinan pola segunda resposta son os máis entusiastas dunha FX como a do 29-S convocada en primeira instancia polos sindicatos do Estado (polo tanto do capital), UGT e CCOO, con fins politiqueiros e de lavado de cara, a fin de relanzar ao PSOE para as próximas eleccións. Hoxe abunda o espírito conformista disfrazado de anticapitalismo de pega, con fórmulas como “reformismo radical”, “conquistas” paso a paso, defensa do Estado de benestar e outras moitas, que crearon unha atmosfera espiritual lúgubre e desesperanzada, sen épica nen entusiasmo, ao estar todo dirixido aos pequenos “logros” que se reducen sempre ao mesmo: mobilizarse por diñeiro, por máis diñeiro, sempre por diñeiro, e por servizos cuantificables en diñeiro. Iso só pode atraer aos mediocres, conformistas e tripeiros, mentres nos ílla dos potencialmente máis combativos, xenerosos e reflexivos.

8. A noción de alzarse por unha nova sociedade, libre do capital e do Estado, e por uns novos seres humanos, cualitativamente superiores e mellores aos actuais (o cal non é pedir demasiado, dado o abismo de deshumanización, destrución da esencia concreta humana e barbarie en que estamos), desapareceu case de todo, como se puido comprobar na maioría das convocatorias feitas para o 29-S.

9. Unha FX é revolucionaria se desencadea a revolución, ou ben, se non se dan as condicións para iso como acontece hoxe, porque contribúe a preparala, apartando aos traballadores da idea de vivir “mellor” baixo o sistema burgués, así como da noción de que con máis diñeiro e máis prestacións sociais baixo o réxime actual de ditadura estatal-capitalista todo está resolto. Iso é miserable, ademais de repugnante, e quenes o preconizan, especialmente aqueles que usan con tal fin unha retórica pseudoradical, deberían avergoñarse de si mesmos, en vez de reafirmarse no seu sempiterno narcisismo, irreflexión, illamento da realidade e autocompracencia.

10. Nunha conxuntura como a actual o que se necesita é claridade de ideas e nítida diferenciación coa socialdemocracia. Todo depende dos contidos, das ideas, da política, dos programas, da cosmovisión e dos valores. Polo tanto, convido a quenes desexen profundar esta cuestión a que estuden comparativamente os programas do dúo CCOO-UGT e dos pretendidos “radicais”. Facelo leva a unha conclusión ben triste: o espírito revolucionario quedouse reducido á súa mínima expresión.

11. Esta indiferenciación, ou insuficiente diferenciación noutros casos, da liña e programa socialdemócrata é, ao mesmo tempo, liquidacionista. En efecto, ¿por que van a achegarse as persoas máis conscientes a un movimento “radical” que, no sustantivo, non se distingue do que preconizan os sindicatos e partidos guvernamentais? Con iso, promóvese o desinterese pola política, conforme á idea de que “todos son iguais”. Así, como consecuencia dunha estratexia suicida, o “radicalismo” vai, paso a paso, minguando e descompoñéndose, de tal xeito que nuns anos, se non hai unha reacción, será unha mera nada. Mais, xa que o PSOE está electoralmente nunha fase depresiva, pronto verémoslle renacer para botar unha man á esquerda, como fixo en 2004.

12. As loitas por melloras económicas, por servizos, vantaxes e diñeiro, non son nunca, e nunca poden ser, revolucionarias. Nalgúns casos son xustas, e teñen que recibir respaldo, pero delas non poden saír nin a conciencia revolucionaria nin as persoas afectas á revolución nin unha política revolucionaria nin a revolución como gran acontecemento emancipador en si mesmo. Quen destinan o mellor dos seus esforzos e tempo á actividade reivindicativa coa idea de que a partir dela xerarase conciencia, organización e accións anticapitalistas sen comillas, equivócanse. Só conseguirán, como demostrou a experiencia dos últimos 150 anos, converterse a si mesmos en lacaios verbalmente radicalizados do capital, polo tanto, do Estado.

13. Cando o 29-S chamou ás “masas ” á Folga Xeral, en defensa do Estado de benestar e da sociedade de consumo, ocultouse que o estilo de vida hoxe imposto, que os “anticapitalistas” reivindican na rúa, incluso chegando ao corpo a corpo coa policía, non pode manterse. Esgótase o petróleo, o cambio climático asexa, os bosques están desaparecendo, os solos agrícolas aproxímanse ao colapso, escasea a auga potable, todo está sendo contaminado e destruído. Vivimos con moito máis do que necesitamos, cando podemos facelo co 10% do que consumimos. Pero o radicalismo de opereta en curso esquece iso e sae á rúa co seu berro de guerra sempiterno, “máis”, “máis”, “máis”, isto é, máis bazofia tóxica e máis servizos degradantes e embrutecedores para todos baixo o capital e o Estado, polo tanto máis devastación e ecocidio.

Necesitamos destruír o capitalismo para consumir menos, para substituír unha vida volcada no material, que nos deshumaniza, por outra orientada aos bens e valores do espírito, a liberdade, a verdade, o ben moral e a virtude, polo tanto, sen ente estatal.

14. O anticapitalismo verdadeiro é desinterese, rexeitamento do diñeiro, desdén polas vantaxes materiais, entrega magnánima ao ben xeral. Polo tanto, as loitas interesadas, monetizadas, por beneficios tanxibles, egoístas e corporativistas, lonxe de danar ao capitalismo introducen o medular deste no corazón e o cerebro das clases traballadoras. Con tales contidos, estas foron progresivamente integradas na orde constituída.

15. Cal é a miña proposta? Direino: a) romper coa política, ideoloxía e programa socialdemócrata, de maneira detallada e minuciosa, en loita contra quenes o defenden dentro da pretendida radicalidade, considerando os principais problemas do noso tempo, non as cuestións salariais e económicas, b) facer da categoría de revolución, contra a burguesía e o Estado, a noción organizadora, c) considerar como central o desenvolvemento da conciencia, e non as loitas por vantaxes e melloras, que teñen que quedar como asunto de segunda ou terceira orde, d) dar de lado o activismo, que é sempre o veículo das ideas socialdemócratas, para constituír por todas partes equipos e grupos de traballo para rearmarnos con ideas, con argumentos, con formulacións decisivas, que se refiran aos grandes problemas que preocupan e afectan a millóns de seres humanos, expoñendo en todos e cada un a verdade, a saber, que non hai solución aquí e agora para eles, baixo a ditadura do Estado e do capitalismo, e) non pretender gañar ás “masas ”agora, pois iso é imposible, dirixindo o esforzo que hai que constituír núcleos revolucionarios fortes no cualitativo, enfrontando calidade a cantidade, para derrotar o sistema de dominación a partir da calidade, que é precisamente o seu talón de Aquiles xa e cada vez máis, f) pór as metas inmateriais no centro: liberdade (de conciencia, política e civil), autogoverno, convivencialidade, desinterese, autoxestión, vida frugal, eticidade, pluralismo e mutuo apoio, deixando as reivindicacións do estómago no lugar que lle corresponden.

16. Con iso a próxima Folga Xeral será, probablemente, revolucionaria

Fonte: alasbarricadas.org

2 comentarios:

  1. Creio que na Galiza houvo outras dinámicas diferentes ás do Estado, todas elas vencelhadas á CIG - para o bom e para o malo - . Coincido bastante no fondo do tema com o Félix, mas acho que pensar hoje numha greve geral revolucionária é política-ficçom.

    Parabéns pola traducçom para a gente do blogue!

    ResponderEliminar
  2. Coincido en que costa pensar hoxe nunha folga xeral que realmente sexa revolucionaria, pero tamén paréceme esaxerado dicir que é “política-ficçom”. É máis, paréceme demasiado derrotista. Quizais eu tamén peque de excesivo optimismo, pero son das persoas que pensan que tanto tragar e tragar, chegará un momento en que a sociedade o vomite todo.
    Será, nese momento, cando a xente se canse e saque todo o que leva dentro acumulado, a raiva, o rencor, ou simplemente a mala hostia, esa que tanto se nota nas conversas diarias. Dende logo que me repugna pensar que a estas alturas ainda non respondimos (e eu me inclúo, por suposto) a toda esta merda. Non deixo de cuestionarme que pasou nesta nosa sociedade como para que ante tantas humillacións sociais que estamos a sufrir nos últimos anos (todo tipo de recortes sociais), non reaccionemos e ainda por riba nos aplauden, dende arriba, polo noso comportamento exemplar...
    Ainda así, confío en que de tanta resignación acumulada, tanto agobio, tantas obligacións diarias que están bloqueando unha reacción natural do ser humano, chegará o momento en que a necesidade do alivio fará que o descontrol popular desborde as rúas de desordes e disturbios, ainda que só dure tres días. Meréceno eles e merecémolo nós, que carallo!
    Sí, son unha persoa ilusa, pero é que a ilusión vale, cando a realidade a toma da man.

    Perdoade o rollo...

    ResponderEliminar