8 mar 2012

17M - Mesa aberta en Vigo: Os "axustes anticrise" a debate

Reproducimos a seguinte información que nos chegou en varios correos:

Cun primeiro horizonte de mobilización na folga xeral do 29 de marzo, a Iniciativa Popular pola Folga Xeral organiza unha mesa aberta co seguinte título:
Os "axustes anticrise" a debate.
- Nova reforma laboral. Recorte de dereitos no ámbito do traballo. Falará Isidro Román (militante sindical).
- Recorte de prestacións sociais. Falará Diego Lores (ODS-Coia http://odscoia.arkipelagos.net/).

Será o sábado 17 de marzo ás 20:30h no Centro Social "A Cova dos Ratos" (rúa Romil 3 Baixo -Vigo-)

Por outra banda, aínda que tamán en Vigo e cos mesmos promotores, estase a desenrrolar a seginte campaña:
“Sen dereitos, sen traballo, sen cartos... pero con DIGNIDADE”

Seguen os problemas económicos para a maioría e mecanismos coma a RISGA en Galiza non están a funcionar deixando a persoas e familias na miseria por iso lanzamos esta campaña que leva por título "Sen dereitos, sen traballo, sen cartos... pero con DIGNIDADE":
Chegou o medo e con el unha marea de recortes que están a facer as nosas vidas, se cabe, moito máis difíciles. Unhas vidas que non chegaron a coñecer o estado do benestar e para as que paro, pobreza, precariedade, exclusión... levan sendo compañeiras dende sempre. Malia o costume, estes momentos están marcados pola rapidez na perda de dereitos, unha velocidade que responde ás présas do capital por eliminar toda carga para os seus movementos.

E con isto, os datos socioeconómicos reflicten as terribles consecuencias que padecen directamente familias ou persoas dos nosos barrios, das nosas familias... Datos que falan da existencia de 24.000 fogares sen ingresos en Galiza e de 55.000 persoas baixo o limiar da pobreza en Vigo ou que hai 274.000 persoas paradas en Galiza, das cales máis de 33.000 en Vigo.

A isto hai que engadir que os mecanismos, chamados de protección social, non funcionan e que non ofrecen solucións efectivas para cubrir as nosas necesidades básicas.

Detendo a nosa ollada na RISGA (Renda de Integración Social de Galiza), que sobre o papel ten a función de garantir o dobre dereito a uns ingresos mínimos en situacións de falta de recursos económicos e o dereito á incorporación social, vemos que cos datos de pobreza referidos só temos 5416 persoas que perciben de media menos de 400€ para pasar o mes.

Pero os problemas son máis que a insuficiencia das contías e a pouca poboación á que chega, por citar algúns deles:

- No que levamos de 2012, é dicir, nos meses de xaneiro e febreiro non se deron novas altas. As mesas da Xunta acumulan expedientes que agardan pola chegada de cartos malia estar resoltos favorablemente.

- Non se respectan os prazos de tramitación. Segundo a lei hai tres meses para resolver dende a solicitude de RISGA. No concello de Vigo as RISGAs agardan máis de 8 meses e dende a Xunta recoñecen que no 2010 o tempo de tramitación e resolución das solicitudes foi de 132 días.

- Endurecemento dos requisitos de acceso e maior celo na revisión dos expedientes. Moitas non chegan a presentar a solicitude desanimadas pola excesiva burocratización e control do proceso, cando o único que buscan é resposta aos seus problemas económicos. E outras ven como nas últimas revisións perden a RISGA, alegando por exemplo incumprimento de proxectos de inserción que apenas cambian para mellor as vidas dos beneficiarios.

- Orzamentos insuficientes. Para o 2012, o orzamento é de 25,2 millóns de euros moito menos que os 38 millóns que van destinar en Asturias ou os 280 millóns euros de Euskadi.

Para rematar, queremos que os atrancos descritos, e vividos por moitas de nós, lonxe de desanimarnos, sirvan para reclamar colectivamente que queremos VIDA e que esta vai máis alá de ter un emprego. Sabemos que mentres esteamos atrapadas neste sistema capitalista, precisamos cartos para vivir.

Pero tamén precisamos a nosa dignidade, para facerlle fronte a esa minoría que nos rouba a riqueza natural que debe ser de todas, que nos priva da riqueza material e intelectual que creamos colectivamente. Por iso animamos a todas as persoas desempregadas, sen subsidios, necesitadas... a pedir a RISGA, porque temos dereito a cubrir minimamente as nosas necesidades básicas, porque debemos visibilizar o empobrecemento que nos provocan as súas políticas antisociais e o seu sistema de producción inhumano, que só se preocupa de explotar ao planeta e as persoas ata o límite, mentres abandona e exclúe ás que xa non lle son útiles na procura de beneficios.

Pero sempre tendo e conta que as nosas reclamacións van máis alá, tendo como primeira parada a Renda Básica das Iguais, unha ferramenta para o reparto da riqueza, ao servizo da construcción dun mundo máis xusto para todas.



Vigo, marzo 2012

Oficina Dereitos Sociais - Coia (ODS-Coia) e Grupo Axitación Social (G.A.S.)



+info: http://odscoia.arkipelagos.net/content/%EF%BB%BFcampa%C3%B1a-%E2%80%9Csen-dereitos-sen-traballo-sen-cartos-pero-con-dignidade%E2%80%9D





No hay comentarios:

Publicar un comentario