5 dic. 2013

Fumar ao carón da bandeira de España multarase con 185.000 euros. O cigarro electrónico estará exento.

Colamos e traducimos de Rokambol (a imaxen é colada de Insurgente)

A medida que se van coñecendo os detalles da nova Lei de Seguridade Cidadá e a contía das multas, aumenta o desasosego dos cidadáns por encontrar novas fontes de ingresos coas que poder custear a súa asistencia ás manifestacións de protesta ou pagar os arrebatos de enfado co seu propio país.

A ofensa a España considerarase como un dos feitos máis reprobables considerados na nova lei, e a posibilidade de incorrer nesta ofensa durante o fragor dunha algarabía é tan alta que as autoridades aconsellan meterse debaixo da cama e cortarse as mans e a lingua en lugar de asistir a unha manifestación.

Con 75.000 euros sancionarase os españois que conten un chiste a menos de sete metros de distancia da insignia nacional, 94.000 se o chiste é de borrachos, 135.000 se é de ministros borrachos, e 225.000 se eses ministros, ademais de borrachos, van montados en burro e son do Partido Popular.

Ondear a bandeira de España en sentido contrario ao das agullas do reloxo sancionarase con 95.000 euros, e 120.000 se ao facelo se enreda consigo mesma adoptando a forma dun trapo de cores. Cantaruxar ou pensar con intensidade nun hit de David Bisbal mentres soa o himno de España levará consigo unha multa de 45.000 euros, que poden chegar aos 580.000 se a canción imaxinada é de Labordeta.

1 comentario:

  1. A Rebelión das Palabras6 de diciembre de 2013, 15:29

    Jajajajaja que ía ser de nós sen retranca?!

    ResponderEliminar